O campus de Ourense conmemora o seu 50 aniversario

OurenseXa
O campus de Ourense cumpre 50 anos cun récord histórico de matriculacións durante este curso, amosando o seu potencial dentro da UVigo
edificio_ferro_campus_ourense_uvigo
Edificio de Ferro, campus de Ourense
31 Jan 2025

A Universidade de Vigo celebra este venres o acto conmemorativo do 50 aniversario do campus de Ourense. Nel presentarase a publicación 50 anos de estudos universitarios en Ourense, realizada co gallo desta efeméride e na que se fai un percorrido pola evolución da institución académica desde as súas orixes ata a actualidade.

O campus de Ourense cumpre 50 anos cun récord histórico de matriculacións durante este curso, amosando o seu potencial dentro da UVigo. Este ano, rexistrou un 103% de matriculacións de novo ingreso, destacando os graos de Relacións Internacionais e o PCEO Informática e Administración e Dirección de Empresas cun 150%; Dereito cun 134% e o PCEO Administración de Dirección de Empresas e Dereito cun 125%. Por mestrados, a taxa de ocupación foi do 82% co Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica cun 105% en primeira posición, seguido de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade cun 100%.

Mil árbores

O pasado mes de xullo e co gai do seu 50 aniversario, o campus de Ourense plantou a súa árbore número mil. Trátase dun carballo, concretamente un Quercus orocantabrica, que foi situado entre os edificios Politécnico e de Ferro e que vén a enriquecer a biodiversidade dos xardíns universitarios, informan desde a Uvigo. Ao carón do novo exemplar foi colocada unha placa conmemorativa cuns versos de Rosalía de Castro.

O Campus de Ourense destaca polo seu compromiso pola conservación do medio ambiente a biodiversidade dentro da capital ourensá. Actualmente, o campus é case un xardín botánico, o converte nun dos espazos máis valorados polos ourensáns, especialmente nos meses de calor. Actualmente, o campus contra con 180 especies distintas repartidas entre a parte antiga, a máis poboada, e o campus novo, con 4,5 hectáreas de zonas axardinadas e 1,5 de zonas naturalizadas. Parte desta colección é a herencia do que foron os xardíns do antigo hospital militar, agora convertidos nun espazo adicado á aprendizaxe que conta xa con 16 títulos de grao, 14 mestrados universitarios e 7 programas de doctorado.

Un mural conmemorativo

No mes de decembro, o Campus de Ourense inaugurou o mural ‘Dúas fontes, unha fonte’, obra da artista María del Mar Ramón Soriano coa colaboración da súa nai, a ceramista Teresa Soriano, co gallo da celebración este ano do 50 aniversario do campus de Ourense. A proposta ocupa unha das paredes laterais exteriores do edificio do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia.

A obra foi a gañadora do Concurso de intervención artística Campus Auga 2024, organizado pola Universidade de Vigo, dotado con 5000 euros. Con el, réndese homenaxe ao medio século de historia do campus.

0.085181951522827