O campus de Ourense continúa co seu programa para atraer talento internacional

OurenseXa
En total, durante este curso, o campus de Ourense acolle a 71 estudantes procedentes de países como México, Francia ou Turquía
Campus_de_Ourense_recurso
Campus de Ourense
30 Jan 2025

Esta semana, a Universidade de Vigo dá a benvida aos estudantes estranxeiros que participarán nos programas de intercambio durante o segundo cuadrimestre nos seus tres campus. En conxunto, incorporaranse 235 novas alumnas e alumnos, que se suman aos 47 que prolongan a súa estancia dende o primeiro cuadrimestre, contribuíndo a enriquecer o ambiente multicultural da UVigo. Para facilitar a súa integración, a Vicerreitoría de Internacionalización organiza actos de acollida en cada campus, onde os estudantes poden coñecer os servizos e recursos dispoñibles para eles.

O campus de Ourense foi o primeiro en celebrar este encontro, cun acto que tivo lugar este mércores. Os eventos de benvida continuarán en Pontevedra este xoves, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, e en Vigo o venres, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Neste segundo cuadrimestre, o campus de Ourense recibe 34 novos estudantes internacionais. A Facultade de Ciencias é o centro que máis alumnos acolle (9), seguida de Enxeñaría Informática (7), Relacións Internacionais (6), Ciencias Empresariais e Turismo (5), Dereito (3), Educación e Traballo Social (2) e Aeronáutica e Enfermaría (1 cada unha). Os estudantes proceden de 14 países, entre os que destacan México (7), Francia (6), Turquía (5) e Italia (4). Ademais, o campus contará con alumnado de Grecia e Cabo Verde (2 cada un), así como de Lituania, Croacia, Rusia, Corea do Sur, Taiwán, Estados Unidos, Ecuador e Portugal (un estudante por país).

Se sumamos os 7 estudantes que prolongan a súa estancia dende o primeiro cuadrimestre, o campus de Ourense alcanza este curso 2024/2025 un total de 71 alumnos internacionais de 18 países diferentes. Entre os centros máis internacionalizados destacan a Facultade de Educación e Traballo Social, con 16 estudantes, seguida de Ciencias (14), Ciencias Empresariais e Turismo (11), Enxeñaría Informática e Relacións Internacionais (9 cada unha), Dereito (6), Historia (4) e, finalmente, Enfermaría e Aeronáutica, con un estudante cada unha.

0.1704409122467