O campus de Ourense ofrecerá bolsas de desprazamento para alumnos de mestrado procedentes de municipios rurais

A Vicerreitoría do Campus de Ourense lanza, por primeira vez, as bolsas de desprazamento Ourense Rural-Mestrado, pensadas para apoiar económicamente ao alumnado matriculado en estudos de mestrado universitario neste campus para o curso 2024/2025, que resida en municipios rurais de Galicia.
O programa conta cunha dotación de 15.000 euros, achegados polo Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense que está acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. As solicitudes poden presentarse a través dun formulario en liña na páxina web da Universidade, e o prazo de solicitude estará aberto ata o 31 de marzo de 2025 ás 23:59 horas (hora peninsular española). O obxectivo destas axudas, tal e como se recolle nas súas bases, é aliviar os custos asociados á realización de estudos de mestrado para o alumnado empadroado en municipios rurais de Galicia, que se atopa afastado dos campus universitarios e con dificultades para acceder aos medios de transporte habituais.
Requisitos
Os requisitos para poder optar á bolsa inclúen estar matriculado en titulacións de máster universitario en centros do campus de Ourense para o curso 2024/2025 cun mínimo de 60 créditos (ou a totalidade dos que permita a normativa da universidade), salvo no caso de alumnado con discapacidade igual ou superior ao 65%, que poderá reducir a carga lectiva a un máximo de 50%. Tamén se debe cumprir con certos requisitos relacionados co patrimonio e a renda familiar, ademais de estar empadroado nun municipio galego de menos de 5.000 habitantes cunha antelación mínima de 12 meses ao final do prazo de solicitude.
A axuda é compatible coas bolsas de estudo UVigo e coas bolsas xenerais do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes convocadas en marzo de 2024, pero non é compatible con outras axudas da mesma natureza para o mesmo fin. As bolsas estarán destinadas a cubrir os gastos de desprazamento dende o municipio de residencia habitual ata o concello de Ourense, cun importe que pode variar entre 200 euros para distancias de 5 a 9 km, 400 euros para distancias de entre 10 e 29 km, 800 euros para distancias de entre 30 e 39 km, e 1.000 euros para distancias superiores aos 40 km.
Esta nova convocatoria segue a liña das bolsas Ourense Rural-Grao, que se veñen convocando nos últimos anos, co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo e da Deputación de Ourense.