O campus de Ourense planta a súa árbore número mil
O campus de Ourense celebrou este martes a plantación da súa árbore número mil. Trátase dun carballo, concretamente un Quercus orocantabrica, que foi situado entre os edificios Politécnico e de Ferro e que vén a enriquecer a biodiversidade dos xardíns universitarios, informan desde a Uvigo. Ao carón do novo exemplar foi colocada unha placa conmemorativa cuns versos de Rosalía de Castro.
A árbore foi plantada nun acto ao que asistiron membros da comunidade universitaria e no que se destacou o valor simbólico desta plantación, enmarcada na celebración dos 50 anos do campus de Ourense.
O Campus de Ourense destaca polo seu compromiso pola conservación do medio ambiente a biodiversidade dentro da capital ourensá. Actualmente, o campus é case un xardín botánico, o converte nun dos espazos máis valorados polos ourensáns, especialmente nos meses de calor. Actualmente, o campus contra con 180 especies distintas repartidas entre a parte antiga, a máis poboada, e o campus novo, con 4,5 hectáreas de zonas axardinadas e 1,5 de zonas naturalizadas. Parte desta colección é a herencia do que foron os xardíns do antigo hospital militar, agora convertidos nun espazo adicado á aprendizaxe que conta xa con 16 títulos de grao, 14 mestrados universitarios e 7 programas de doctorado.