O Car Outlet Ourense reuniu arredor de 3.000 asistentes na súa oitava edición

OurenseXa
O evento, que se celebrou esta fin de semana en Expourense, pechou as portas cun balance moi positivo ao superar máis de 130 vendas
car-outlet-ourense
20 Apr 2026

A oitava edición do Car Outlet Ourense pechou as súas portas cun balance positivo, ao rexistrar a venda de 135 vehículos e recibir máis de 3.500 visitantes ao longo de tres días. As cifras melloran os datos da edición anterior, na que se contabilizaran 113 coches vendidos e arredor de 3.000 asistentes.

O evento, organizado por Expourense en colaboración coa Asociación de Concesionarios Oficiais de Automóbiles de Ourense (ACAUTO) e co apoio da Deputación Provincial, consolídase como unha das citas destacadas do sector na provincia. Nesta ocasión participaron 20 concesionarios oficiais, que representaban a 28 marcas e ofrecían máis de 400 vehículos de diferentes modelos, gamas e motorizacións.

Segundo sinalan os expositores, o perfil do visitante destaca por acudir coa intención clara de compra, comparando prezos e opcións. Neste sentido, apuntan que as condicións ofrecidas durante o salón resultan máis atractivas que as habituais nos concesionarios, o que favorece o peche de operacións no propio recinto.

Ás vendas realizadas durante a feira poderán sumarse nos próximos días novas operacións derivadas de contactos establecidos durante o evento ou de visitantes que decidiron pospoñer a compra para analizar con máis calma as opcións dispoñibles.

O Car Outlet Ourense abre así o calendario de citas automobilísticas organizadas por Expourense e ACAUTO, que continuará no mes de outubro co Salón do Automóbil Novo e co Salón do Automóbil de Ocasión, ambos na súa décimo sétima edición.

En canto á actividade feiral do recinto, a próxima convocatoria será Funergal, a Feira Internacional de Produtos Funerarios, unha das citas profesionais de carácter internacional programadas para este ano.

0.14672088623047