O Carballiño abre a convocatoria de axudas ás asociacións veciñais para obras e gastos de 2026

O Boletín Oficial da Provincia de Ourense (BOP) publicou onte o extracto da convocatoria de subvencións que o Concello do Carballiño destina ás asociacións veciñais do municipio, co obxectivo de sufragar tanto obras de investimento como gastos correntes de funcionamento nos locais sociais durante o ano 2026. A axuda poderá destinarse a inmobles de propiedade da propia asociación ou a aqueles sobre os que dispoña dunha cesión de uso.
A partida total destinada a este fin ascende a 8.510,08 euros, repartidos en dúas liñas diferenciadas: 4.935,08 euros para gastos correntes de funcionamento e 3.575 euros para gastos de investimento. Ningunha entidade poderá recibir máis de 1.000 euros en concepto de investimento nin máis de 600 euros para gastos de funcionamento, aínda que o remanente que puidese quedar repartirase de forma proporcional entre as solicitudes presentadas.
Para optar a estas axudas, as asociacións deberán estar legalmente constituídas e inscritas tanto no rexistro autonómico coma no municipal, contar con domicilio social no Carballiño e dispor do correspondente número de identificación fiscal. Ademais, deberán estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non estar incursas en ningunha causa de incompatibilidade para recibir fondos públicos.
Quen aspire á liña de investimento terá que acreditar a titularidade do local, xa sexa mediante o documento de propiedade ou de cesión de uso, neste último caso coa autorización pertinente para executar a obra. Quedarán excluídas aquelas entidades que recibiran subvencións municipais en edicións anteriores e non as xustificaran correctamente.
As bases contemplan que estas axudas poidan ser compatibles con outras concedidas para o mesmo fin, sempre que a suma de todas elas non supere o custo total da actuación a realizar.
Tras a publicación do extracto no BOP, ábrese un prazo de dez días hábiles para presentar as solicitudes, que deberán formalizarse mediante un modelo normalizado dispoñible na área de Medio Rural do consistorio. As peticións poderán rexistrarse de xeito presencial no Concello ou polas canles habilitadas para a tramitación coas administracións públicas.