O Carballiño abre a convocatoria de axudas para libros de texto e material escolar do curso 2026/2027

OurenseXa
O Concello destina 40.000 euros a subvencionar a compra de libros e material escolar ás familias con menos recursos que teñan menores escolarizados en centros públicos ou concertados do municipio
material-escolar
26 Aug 2026

O Concello de O Carballiño da a coñecer a convocatoria de axudas destinadas a sufragar a compra de libros de texto e material escolar para o curso 2026/2027. A iniciativa está dirixida ás familias do municipio con menor poder adquisitivo.

Poderán optar a estas axudas os fogares nos que todos os seus membros figuren empadroados no Carballiño cunha antigüidade mínima de seis meses, e cuxos fillos e fillas estean matriculados en Educación Infantil (3, 4 e 5 anos), Primaria ou Secundaria nun centro educativo do municipio. No caso de que o alumnado cambie de centro a outro concello despois de solicitar a axuda, perderá o dereito a percibila.

Outro dos requisitos é de carácter económico: a renda per cápita anual da unidade familiar non poderá superar os 9.000 euros por membro. Para calculala sumaranse a base impoñible xeral e a do aforro correspondentes ao exercicio fiscal de 2025, dividíndose despois entre o número de integrantes da unidade de convivencia. Quen non estea obrigado a presentar a declaración da renda deberá acreditar os seus ingresos mediante os datos facilitados pola Axencia Tributaria e a documentación adicional que se lle requira.

As bases detallan ademais que persoas se consideran membros computables da unidade familiar —proxenitores non separados, fillos menores, persoas tuteladas ou en acollemento, entre outros supostos— e cales quedan excluídas, como o proxenitor que non convive co alumnado en casos de separación ou divorcio, agás custodia compartida, ou a persoa agresora en casos de violencia de xénero.

O orzamento total asignado a esta convocatoria ascende a 40.000 euros, aínda que se contempla a posibilidade de ampliar a dotación económica en determinadas circunstancias previstas na normativa autonómica de subvencións. Estas axudas son compatibles con outras que puidesen percibirse co mesmo fin, sempre que a suma non supere o gasto total realizado.

En canto ás contías, a axuda máxima fíxase en 120 euros para o alumnado de Educación Infantil e en 60 euros para o de Primaria e Secundaria.

As familias interesadas disporán dun prazo de quince días hábiles, a contar desde o día seguinte á publicación deste extracto no BOP, para presentar a súa solicitude mediante o modelo normalizado que se facilitará nas dependencias municipais. A presentación poderá realizarse no Rexistro Municipal do Concello do Carballiño ou por calquera outra vía prevista na lexislación sobre procedemento administrativo común.

0.17894005775452