O Carballiño aumenta as prazas do curso de natación para maiores de 65 anos pola alta demanda

O Concello do Carballiño decidiu ampliar o número de prazas dispoñibles para o curso municipal de natación dirixido a persoas maiores de 65 anos, unha iniciativa que, segundo indica o propio Concello, rexistra unha notable demanda entre os veciños. De cara a 2026, a oferta pasará das 20 prazas actuais a un total de 25.
A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Baranda, presentou esta mañá os detalles do curso e explicou o obxectivo deste tipo de actividades: “Queremos que as persoas maiores socialicen, saian da casa e participen nas actividades municipais”.
Quen estea interesado en anotarse poderá facelo a partir do vindeiro 9 de novembro, ás 08.00 horas, cando se abra o prazo de inscrición. Para formalizar a solicitude será necesario acudir persoalmente ás oficinas municipais de Servizos Sociais, levando o DNI, un número de conta bancaria e un informe médico.
En canto ás condicións do curso, Baranda detallou que as clases se imparten dous días á semana, cunha duración dunha hora cada sesión, e que o custo para os participantes ascende a 15,33 euros ao mes. A actividade desenvolverase na piscina de Corzos entre xaneiro e decembro de 2026, coa excepción dos meses de xullo e agosto, período no que se interrompe por vacacións.
A edil avanzou ademais que o Concello ten intención de seguir ampliando a oferta de actividades destinadas ás persoas maiores. “Tentaremos facer máis actividades, porque estamos vendo a importancia de que leven unha vida activa”, sinalou.