O Carballiño e Boborás convocan a XLII edición do Premio Antón Losada Diéguez, dotado con 12.000 euros

OurenseXa
As obras poderán presentarse ata o 31 de xaneiro de 2027 e o fallo recoñecerá unha obra de creación literaria e outra de investigación e ensaio, cada unha con 6.000 euros
libro-lectura-recurso
25 Nov 2026

Os concellos do Carballiño e Boborás puxeron en marcha a nova convocatoria do Premio Antón Losada Diéguez, que este ano chega á súa cuadraxésima segunda edición. A iniciativa, que conta coa colaboración económica da Deputación Provincial de Ourense, busca recoñecer o traballo de autores e autoras que escriban en lingua galega.

O galardón mantén a súa estrutura habitual: premiará dúas obras xa publicadas, unha no eido da creación literaria e outra no da investigación e o ensaio. Cada unha delas recibirá unha dotación de 6.000 euros, o que eleva o orzamento total do premio a 12.000 euros.

Entre os requisitos para participar destaca que as obras deben estar escritas orixinalmente en galego, quedando excluídas aquelas que sexan traducións de textos publicados inicialmente noutro idioma.

O prazo para presentar as candidaturas estenderase ata o 31 de xaneiro de 2027. A selección das obras gañadoras realizarase mediante concorrencia competitiva.

A entrega do premio aos autores ou autoras galardoados está prevista para o 12 de xuño de 2027, nun acto literario que se celebrará no Pazo de Moldes, no concello de Boborás. Este enclave foi o lugar onde naceu e viviu Antón Losada Diéguez, figura á que o galardón rende homenaxe dende hai máis de catro décadas.

0.16007089614868