O Carballiño estrea o seu novo parque canino no Parque Municipal

O Concello do Carballiño inaugurou esta mañá no Parque Municipal un novo recinto de esparexemento canino, un espazo delimitado e equipado que pretende dar resposta á demanda da cidadanía de contar cun lugar público específico para os animais de compañía.
A concelleira de Medio Ambiente e Termalismo, Elvira Torres, explicou durante a inauguración que a actuación responde a “unha das demandas que máis se nos fixo”, ante o incremento da presenza de mascotas nos fogares e a necesidade de dispoñer “dun espazo público adecuado para elas”. Unha ducia de cans xa visitaron o recinto durante a súa estrea.
A nova área ocupa aproximadamente 1.500 metros cadrados e dispón dun peche perimetral de 196 metros, con 1,5 metros de altura, dous accesos mediante cancelas dobres e diferentes equipamentos para facilitar tanto a actividade dos animais como a estancia das persoas responsables.
Entre as instalacións destaca unha zona de agility composta por sete elementos: túnel, valado de salto, anel, balancín, pasarela, porta e slálom. Os equipamentos están preparados para soportar un uso continuado no exterior e incorporan materiais resistentes, elementos antivandálicos e antigrafiti e postes de madeira de piñeiro tratados en autoclave.
O recinto conta tamén con dúas fontes, cada unha con dous grifos de pulsador, un deles adaptado especificamente para mascotas, así como con dúas papeleiras con dispensadores de bolsas para a recollida de excrementos. O Concello achegou inicialmente 3.000 bolsas para este fin.
A zona complétase con seis bancos e un cartel informativo. Os bancos dispoñen de estrutura metálica e asento e respaldo de madeira técnica, mentres que o cartel foi elaborado con panel composite e acabado antigrafiti.
Torres incidiu na importancia de facer un uso responsable das instalacións e pediu a colaboración da cidadanía para garantir a súa conservación. “Así como ter animais é un dereito, tamén hai unhas obrigas”, sinalou, antes de reclamar que se respecten e coiden os equipamentos.
“Nós podemos poñer os medios, as instalacións e todo o mobiliario, pero depende moito da colaboración cidadá que isto siga adiante e se coide”, engadiu a responsable municipal.
A actuación supuxo un investimento total de 26.573,05 euros, dos que 21.961,20 euros corresponden ao orzamento de execución material e 4.611,85 euros ao IVE.
Os traballos incluíron o acondicionamento previo do terreo e a instalación do cerramento mediante paneis de malla electrosoldada galvanizada. O recinto sitúase nunha franxa duns 80 metros de lonxitude e entre 13 e 25 metros de ancho dentro do Parque Municipal.
O proxecto foi promovido polo Concello do Carballiño e redactado polo arquitecto Sergio Mascareñas Nogueiras. Segundo destacou Elvira Torres, o investimento foi asumido integramente polo Concello, a través da Concellería de Medio Ambiente e Termalismo.
A concelleira enmarcou a iniciativa no obxectivo de ampliar os servizos públicos e “facilitar a convivencia en todo este mundo das mascotas”. Torres confiou en que o novo equipamento sexa o primeiro dunha rede de espazos deste tipo no municipio e apelou ao seu aproveitamento e conservación.