O Carballiño forma 20 persoas en albanelería e pavimentos urbanos a través do programa RenÓbrate

OurenseXa
A iniciativa ofrece máis de 500 horas de formación teórico-práctica e busca facilitar a incorporación do alumnado ao mercado laboral con contratos a xornada completa
renobrate-carballiño
9 Oct 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe O Carballiño acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, para coñecer os traballos que se están a desenvolver no municipio a través de RenÓbrate, un programa piloto de formación teórico-práctica impulsado coa colaboración da Fundación Laboral da Construción.

O Carballiño é un dos catro concellos participantes nesta iniciativa, xunto con Arteixo, Sanxenxo e Santiago de Compostela. Durante a visita, González destacou a importancia de ofrecer formación adaptada ás necesidades de persoal de sectores estratéxicos, como a construción.

O programa está dirixido a persoas desempregadas e ofrece cualificación nas familias profesionais de Edificación e Obra Civil e de Industrias Extractivas, co obxectivo de mellorar as súas oportunidades de emprego. En cada un dos municipios participan 20 persoas, que reciben máis de 500 horas de formación, incluídos contidos de prevención de riscos laborais específicos do sector.

No caso do Carballiño, o alumnado está a adquirir experiencia en tarefas de albanelería e pavimentos urbanos mediante a reforma e o acondicionamento de locais municipais e intervencións en espazos públicos. Entre as actuacións figuran traballos no Parque do Carballiño, así como a instalación de pavimentos peonís exteriores e outros elementos de urbanización.

RenÓbrate desenvolverase ao longo de nove meses e ten como obxectivo que as persoas participantes consigan incorporarse ao mercado laboral nun prazo máximo de dous meses desde a súa finalización. Para iso, prevé a formalización de contratos a xornada completa en empresas do sector da construción.

A iniciativa complementa outros programas de formación mixta impulsados en colaboración coas entidades locais, como os obradoiros duais de emprego, e pretende contribuír a cubrir as vacantes laborais dun sector que precisa incorporar persoal cualificado.

O programa forma parte da estratexia da Xunta para promover unha formación flexible e vinculada ás necesidades de cada territorio, tanto para persoas ocupadas como desempregadas. Estas medidas compleméntanse con actuacións para atraer talento, centradas no retorno das persoas galegas residentes no exterior e na captación de traballadores procedentes doutros países.

0.16848301887512