O Carballiño impón medidas urxentes de aforro de auga pola grave seca

O Concello de O Carballiño fixo público un bando no que alerta dunha situación de seca severa, provocada pola ausencia prolongada de choivas e as sucesivas vagas de calor rexistradas este verán, que deixou os recursos hídricos que abastecen ao municipio nun estado de extrema vulnerabilidade.
Ante este escenario, o goberno local pide responsabilidade e solidariedade veciñal e establece, con carácter obrigatorio, unha serie de limitacións destinadas a protexer o subministro domiciliario para consumo humano e evitar restricións aínda maiores nas vindeiras semanas.
Entre as medidas figura a suspensión total do rego con auga da rede, tanto en xardíns, hortas e zonas verdes públicas como privadas. Tamén se pide reducir ao mínimo a limpeza de rúas, beirarrúas, fachadas, terrazas e patios con auga municipal.
O bando prohibe ademais encher, total ou parcialmente, piscinas privadas, hinchables ou desmontables que carezan dun sistema pechado de depuración e recirculación, así como lavar coches, motos ou calquera vehículo con mangueira, tanto na vía pública como en espazos privados; esta actividade só se poderá realizar en túneles de lavado comerciais habilitados para tal fin. Así mesmo, cortarase o subministro ás fontes públicas e ornamentais que non conten cun circuíto pechado de auga.
Xunto a estas restricións, o Concello traslada unha serie de recomendacións para o uso doméstico responsable: optar pola ducha fronte ao baño, o que pode supor un aforro de ata 150 litros; pechar a billa mentres se lavan os dentes, se afeita ou se frega; usar a lavadora e o lavalouza só a carga completa; e reparar sen demora calquera fuga en cisternas ou billas, xa que unha billa que gotea pode chegar a desperdiciar ata 30 litros ao día.
O Concello agradece por adiantado o civismo e a colaboración de todos os veciños e veciñas de O Carballiño ante esta situación extraordinaria.