O Carballiño mantén aberto o prazo de inscrición para as escolas de danza e teatro

As escolas municipais de Teatro e Danza do Carballiño afrontan o novo curso con 140 prazas formativas para persoas de diferentes idades. As inscricións, abertas desde setembro, continúan dispoñibles nalgunhas das disciplinas, mentres que outras xa completaron os seus cupos.
Na Escola Municipal de Teatro aínda quedan prazas tanto para o curso de iniciación destinado a persoas adultas como para o nivel de perfeccionamento, tamén dirixido a maiores de idade. A formación inicial desenvolverase os luns, de 20.00 a 21.00 horas, e os xoves, de 19.00 a 20.30 horas. No caso do perfeccionamento, as clases serán os luns, de 21.00 a 22.00 horas, e os xoves, de 20.30 a 22.00 horas.
Por outra banda, a Escola Municipal de Danza mantén abertas as inscricións para danza moderna, dirixida a nenos e nenas de ata 12 anos, así como para ritmos latinos II, zen core e zumba, tres propostas destinadas ao público adulto.
As clases de danza moderna terán lugar os luns ás 19.00 horas, mentres que ritmos latinos II será ás 20.00 horas e zumba ás 21.00 horas, tamén os luns. O curso de zen core desenvolverase os mércores ás 19.00 horas.
Os cupos de teatro infantil e de iniciación aos ritmos latinos xa están completos. Non obstante, as persoas interesadas en participar nestas ou noutras disciplinas sen prazas poden incorporarse ás correspondentes listas de espera.
As inscricións para as actividades que aínda dispoñen de vacantes deben formalizarse no departamento de Cultura, situado no segundo andar da Casa Consistorial, e permanecerán abertas ata completar as prazas dispoñibles.