O Carballiño poderá observar este mércores o eclipse solar de forma parcial

A veciñanza do Carballiño poderá observar este mércores, 12 de agosto, o eclipse solar de forma parcial. Segundo as previsións de MeteoGalicia, o fenómeno comezará ás 19.32 horas e prolongarase ata as 21.23 horas, mentres que o momento de maior ocultación do Sol está previsto para as 20.29 horas.
As previsións meteorolóxicas apuntan ademais a unhas condicións favorables para seguir o eclipse. O veciño do Carballiño Miguel García, Premio Nacional de Meteoroloxía en 2018 e colaborador da AEMET desde 1984, prevé ceos despexados durante a xornada do mércores, o que facilitaría a observación completa do fenómeno.
García sinala que “na nosa comarca, a mellor zona para ver o eclipse é en Serra Martiñá ou na Serra do Faro, que xa é de Lugo”.
A observación do eclipse require tamén adoptar medidas específicas para protexer a vista fronte á radiación solar directa. Neste sentido, García recomenda empregar pantallas de soldadura ademais de lentes homologadas polas autoridades sanitarias.
O meteorólogo advirte de que “non se deben utilizar cristais afumados porque a radiación solar atravesa eses materiais”.