O Carballiño pon en marcha o seu viveiro de empresas tras a aprobación definitiva da ordenanza

O viveiro de empresas do Carballiño, situado no Polígono Empresarial do municipio, xa conta co visto e prace definitivo para a súa posta en marcha. A ordenanza que regula o seu funcionamento publicouse no Boletín Oficial da Provincia (BOP), un trámite que abre o camiño para a activación deste recurso.
O concelleiro de Industria, Manuel Dacal, destacou a relevancia deste paso, ao tratarse dunha das iniciativas máis importantes impulsadas polo goberno local para apoiar a posta en marcha de novos proxectos empresariais na localidade. Segundo explicou o edil, "nos próximos días abrirase a convocatoria e aqueles emprendedores e empresas interesadas poderán solicitar facer uso das instalacións".
A finalidade deste equipamento é facilitar o xurdimento, arranque e consolidación de novas empresas do ámbito industrial, contribuíndo así á creación de emprego, ao reforzo do tecido produtivo local e á atracción de novas compañías ao municipio. Nas palabras de Dacal, "trátase dun espazo idóneo para desenvolver iniciativas empresariais que logo poidan continuar de xeito autónomo a súa traxectoria".
Poderán optar ao uso das instalacións aquelas empresas constituídas recentemente —cun máximo de 12 meses desde a súa data de constitución— ou que se atopen aínda en fase de constitución. Quen acceda ao viveiro disporá dun prazo máximo de 48 meses para facer uso do espazo.
En canto ás súas características, o viveiro conta cunha superficie total que supera os 380 metros cadrados. Esta repártese en tres naves industriais: dúas delas de 78,5 metros cadrados cada unha, e unha terceira de menor tamaño, con 75,52 metros cadrados. A estas instalacións súmase unha zona de uso común que incorpora unha sala de reunións, unha sala de formación, unha oficina destinada a tarefas administrativas, ademais de aseos e vestiarios. O Concello, pola súa banda, asumirá os gastos de subministración de luz e auga, así como a limpeza, o mantemento e a conservación do centro.