O Carballiño prepara dez días de festas en honra a San Cibrao con dúas tiradas de fogos e unha gran Festa da Xuventude

OurenseXa
A localidade ourensá dedica dez xornadas ao seu patrón, cos días grandes entre o 15 e o 19 de setembro
festas_carballiño_2026
27 Aug 2026

O Carballiño alístase para homenaxear ao seu patrón, San Cibrao, cun amplo calendario de actos pensado para todas as idades. Aínda que o groso dos festexos se concentra entre o 15 e o 19 de setembro, as actividades arrancarán xa o día 11 e prolongaranse ata o 20, dez xornadas nas que a vila se encherá de música, lecer, tradición e verbenas.

Dende a comisión de festas convídase tanto á veciñanza como aos visitantes doutras zonas da provincia e de Galicia a achegarse a desfrutar da oferta cultural e lúdica preparada para a ocasión. O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, sinalou que estas festas supoñen o peche perfecto dun "verán espectacular" no que O Carballiño volveu situarse como referencia do interior galego, e destacou que nestes días as rúas seguen amosando un ambiente animado, con visitantes chegados de diferentes puntos.

Entre as novidades desta edición destacan dúas tiradas de fogos artificiais -a habitual do 16 e unha segunda o día 18, adicada á Festa do Pulpo- e a estrea da gran Festa da Xuventude, concibida como continuación da celebrada durante a Festa do Pulpo.

Do 11 ao 13 de setembro: o pistoletazo de saída

O programa arrinca o venres 11 co tradicional acendido do alumeado e o inicio da Festa da Pepa Loba no barrio de Flores, en lembranza da mítica bandoleira galega, que se estenderá ata o domingo 13.

O sábado 12, ás 17.30 horas, inaugurarase o Arenteiro Fotográfico no Auditorio Manuel María, organizado pola asociación O'Potiños xunto co Concello. Esa mesma noite, ás 23.00 horas, o grupo ourensán Five Pipers -que fusiona metal con música tradicional galega, punk e folk- actuará no barrio de Flores.

O domingo 13, a Praza Maior acollerá dende as 21.00 horas o concerto de Cerván e Sueños de Ítaca, dentro do ciclo Feito no Carballiño.

Do 15 ao 19: os días grandes

O martes 15 arrincan as xornadas centrais co pasarrúas da Charanga Castrobello, ás 11.30 horas e de novo ás 19:00 horas. Ás 18.30 horas actuará a Escola Moderna Pulpo Beats, e pola noite chegará a verbena do Grupo Assia na Praza Maior, con dous pases, ás 20.30 horas e ás 23.00 horas.

O mércores 16 celebrarase o habitual Feirón do Carballiño, animado por un grupo de música tradicional local. Ás 20.00 horas tocará a orquestra Gran Parada no seu primeiro pase na Praza Maior, e ás 23.00 horas terá lugar unha das citas máis agardadas: a gran tirada de fogos fixos e voadores no Parque Municipal. Media hora despois, Gran Parada ofrecerá o seu segundo pase, e ás 00.30 horas a orquestra Combo Dominicano actuará na Praza da Veracruz.

O xoves 17, día grande de San Cibrao, comezará ás 11.30 horas co pasarrúas da Charanga CLK, que se repetirá ás 19.30 horas. Pola tarde tamén actuará a Agrupación Musical de Boborás, xornada que pechará o concerto de Gallaecia Big Band na Praza Maior ás 20:00. Pola noite, a orquestra Olympus poñerá a música na Praza da Veracruz dende as 23.00 horas.

O venres 18, a Charanga Dr. Anchoa abrirá a xornada cun pasarrúas ás 11.30 horas, repetido ás 19.30 horas. A Orquestra Principal actuará na rúa Calvo Sotelo en dous pases, ás 20.00 horas e ás 23.30 horas. Ás 23.00 horas, o Parque Municipal acollerá a segunda gran tirada de fogos, adicada nesta ocasión á Festa do Pulpo, que reuniu a milleiros de persoas durante as tres semanas de actividades. Dende as 23.30, a Praza Maior vivirá a Festa da Xuventude coa discomóbil A Gramola, outra das grandes novidades do ano, coa participación de djs como Saúl Gallego, Imcode, Duo y Medio e Diego Valeiras.

O sábado 19 celébrase a Gran Romaría da Saleta, a tradicional cita relixiosa que congrega cada ano a milleiros de persoas. Na vila terá lugar o Memorial José Luis Blanco, encontro de coches clásicos e históricos que reúne a numerosos afeccionados ao motor, dende as 10.00 horas na Praza da Veracruz. Pola tarde, ás 17.00 horas, impartirase unha masterclass do fotógrafo Mario Cea na Casa da Cultura, dentro das actividades do Arenteiro Fotográfico.

Como peche da programación, o domingo 20 celebrarase o Día do Neno, con descontos para os máis pequenos en atraccións e xogos.

0.16751003265381