O Carballiño prepara un fin de semana de Samaín con túnel do terror, inchables e chocolatada gratuíta

O Carballiño organizou unha nova edición das festas de Samaín, cunha programación pensada especialmente para a rapazada e as familias do municipio. A iniciativa parte da Concellería de Comercio, Emprego e Xuventude e combina lecer, tradición e dinamización dos espazos públicos ao longo de dúas xornadas.
As actividades comezarán o venres 30 de outubro, ás 19.00 horas, co regreso do Túnel do Terror na Praza Maior, unha proposta que xa tivo boa resposta entre os máis pequenos na edición anterior. De xeito paralelo, a Pista Roxa acollerá unha zona de colchonetas destinada ao público infantil.
A xornada do venres pecharase cunha chocolatada popular na Praza Maior, que incluirá bica de forma gratuíta e estará aberta a veciños e veciñas de calquera idade, sen custo de acceso.
A concelleira de Comercio, Emprego e Xuventude, Diana González, sinalou que con esta programación se busca “fomentar a participación da mocidade e da infancia nas tradicións locais, dinamizando ao mesmo tempo os espazos públicos e a actividade comercial”. A edil subliñou ademais o valor da chocolatada como un “elemento tractor e de convivencia interxeracional”, ao tratarse dunha actividade aberta e sen custo para todos os públicos.
As celebracións continuarán o sábado 31 de outubro con animación musical de temática arrepiante polas rúas da vila durante a tarde, a cargo da batucada Batucarba, que porá o ritmo a esta segunda xornada de Samaín.