O Carballiño protagoniza a presentación da oitava novela do detective Frank Soutelo

O Carballiño viviu esta mañá a presentación de 'Buscando a Dalia', a oitava novela protagonizada polo detective Frank Soutelo, obra do escritor carballiñés Miguel Anxo Fernández. Ao acto asistiron o concelleiro de Cultura do Concello, Diego Fernández, e o director xeral da editorial Galaxia, Marcos Calveiro.
O propio autor definiu esta entrega como a novela "máis carballiñesa" da saga, xa que boa parte da súa trama transcorre na localidade. Así o reflectiu a escolla do lugar onde tivo lugar o acto: fronte a unha antiga vivenda da rúa Curros Enríquez, o mesmo inmoble que aparece retratado na portada do libro. Neste sentido, Fernández avanzou que a publicación obrigará a incorporar novas placas ao itinerario literario dedicado a Frank Soutelo, que percorre distintos puntos da vila vinculados ás aventuras do personaxe.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura salientou a satisfacción que supón para o consistorio que o autor continúe ambientando as súas novelas en O Carballiño, reforzando así o valor do roteiro literario xa existente dedicado ao detective.
En canto ao argumento, a nova entrega arrinca coa desaparición da investigadora Dalia Máximo, que se atopaba a traballar nun caso vinculado a un cadáver de aparencia ritual. O propio Miguel Anxo Fernández explicou que a trama incorpora asuntos de plena actualidade, entre eles o feminicidio, os abusos e a inmigración.
Durante o acto, o director xeral de Galaxia puxo en valor a traxectoria do escritor, subliñando que acumula xa numerosos anos de carreira e conta cun público lector fiel ás súas novelas de xénero negro. Calveiro amosou ademais a súa satisfacción por regresar a O Carballiño con motivo desta oitava entrega da serie.
A presentación terá continuidade esta mesma tarde, ás 20.00 horas, cando Miguel Anxo Fernández volva presentar 'Buscando a Dalia', nesta ocasión no exterior da libraría Escolma. Nesta segunda cita, o autor estará acompañado pola xornalista da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) Raquel Domínguez, e polo escritor e xornalista Carlos Rodríguez Calvo, presidente do Centro de Estudos Chamoso Lamas.