O carballiño recibe unha sesión de contos para nenos polo Día das Librarías

O local cultural OZOCOgz, na rúa Curros Enríquez do Carballiño, programou unha sesión de narración oral pensada para os máis pequenos como antesala do Día das Librarías, data que se conmemora o 11 de novembro en todo o Estado. A actividade, gratuíta e familiar, terá lugar este venres 6 ás 18.30 horas e está pensada para nenas e nenos a partir de tres anos.
Será a narradora Zeltia Pino quen conduza o encontro apoiándose en varios álbums infantís onde os animais, os números e as vogais serven de escusa para achegar a lectura aos máis pequenos mediante xogos, rimas e cancións.
Entre as obras que se empregarán destaca ‘Animais’, de Antonio Rubio e Óscar Villán, pertencente á coñecida colección ‘Do berce á lúa’ e descrito como un poema ilustrado concibido para ser cantado. Tamén terá cabida ‘Parchís’, de Maria Girón, cuxos protagonistas —unha gata, unha coella, un parrulo e un teixugo— serven para falar da amizade e do xogo en grupo.
O repertorio incluirá así mesmo ‘Chuvisca’, de Fernando Pérez Hernando, centrado en catro crías de paxaro e a súa nai, co que se traballan de forma lúdica as cinco vogais. A iso súmase ‘Once damas atrevidas’, escrito por Xosé Manuel González ‘Oli’ e ilustrado por Helle Thomassen, inspirado nun relato popular protagonizado por un grupo de viaxeiras audaces. Pechará a sesión ‘Polo camiño’, de Mariana Ruiz Johnson, un conto que percorre a serie numérica do un ao dez acompañado de distintos animais rumbo a unha celebración.