O Carballiño súmase ao convenio da Fegamp contra o acoso escolar

O Concello do Carballiño, a través da súa Concellería de Educación, incorporouse ao convenio promovido pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a prevención do acoso escolar. Con esta adhesión, o goberno local pasa a formar parte dunha rede de concellos orientada non só a intervir cando se producen casos de acoso, senón tamén a actuar de forma preventiva, co obxectivo de asegurar o benestar e o desenvolvemento integral do alumnado galego nun ambiente de convivencia positiva.
A concelleira de Educación, Lorena Castro, explicou que o obxectivo desta incorporación é reforzar a coordinación entre os distintos concellos e institucións implicadas, de xeito que se poidan previr, detectar e abordar con eficacia os casos de acoso e ciberacoso que poidan xurdir no ámbito escolar.
Entre as accións previstas no marco deste convenio inclúese un seguimento continuado dos posibles casos que se detecten, así como o respaldo aos propios centros educativos. Tamén se contempla impulsar a formación de quen participa nestes procesos e elaborar programas específicos adaptados a esta problemática.
"Queremos eliminar o acoso das aulas", subliñou a edil, quen remarcou o compromiso do Concello coa creación de espazos educativos seguros para todo o alumnado.