O Carballiño xunta a dez compañías de teatro amador nun mes de funcións no Auditorio Manuel María

O grupo de teatro Tiruleque presentou a programación da XIX Mostra de Teatro Amador Terras do Orcellón, que terá lugar no Auditorio Manuel María de O Carballiño entre o 4 de outubro e o 8 de novembro. A iniciativa reunirá a dez compañías procedentes de distintos puntos de Galicia e tamén de Lleida, con propostas que percorrerán xéneros como o humor, o drama, a historia e a crítica social. O certame conta co apoio do Concello de O Carballiño e da Deputación de Ourense.
Durante a presentación do festival, o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, salientou o valor desta cita, que Tiruleque organiza desde hai case dúas décadas, e destacou a calidade teatral que achega á localidade cada fin de semana. Pola súa banda, a deputada provincial Patricia Torres puxo en valor a traxectoria de Tiruleque como referente teatral da comarca.
As funcións terán lugar os sábados e domingos, sempre ás 20.00 horas, no Auditorio Manuel María. O director do certame, Xosé Prada, explicou que a programación se concentra na fin de semana porque os integrantes dos grupos participantes compaxinan o teatro coa súa actividade laboral. Prada cualificou a mostra como unha das referencias teatrais de Galicia e agradeceu o apoio institucional recibido, á vez que sinalou o notable aumento de solicitudes de participación, con preto de medio cento de compañías interesadas en formar parte do cartel.
Desde Tiruleque, Milagros Otero destacou o bo nivel das obras seleccionadas e animou aos veciños de toda a comarca a se achegar a desfrutar das representacións.
Un cartel variado
O festival arrincará o 4 de outubro con 'Alimañas', de Gargallada Teatro (O Barco de Valdeorras), centrada na historia dunha actriz xa retirada. O 11 de outubro será a quenda de Farándula Velutina (Corcubión), que levará a escena 'Mamá!', unha comedia sobre as tensións nas relacións entre nais e fillas.
O día 12, Teatro Pesadelo, de San Miguel de Sarandón (Vedra), presentará 'Xa é hora', cuxa trama arrinca cando unha actriz, a piques de saír a escena, se atopa coa morte. O 17 de outubro, Achádego Teatro (Lugo) porá en escena 'Novo Amencer', ambientada no interior dunha secta, mentres que o día 18 a Aula de Teatro do Campus de Vigo representará 'McBett', unha versión en clave de comedia do texto de Eugène Ionesco.
O 24 de outubro chegará a compañía catalá Teatre del Talión, de Lleida, con 'Esopo', unha obra galardoada con numerosos premios que, segundo explicou Milagros Otero, levaba anos tentando participar na mostra e que nesta edición puido por fin ser convidada. A peza xira arredor da ledicia, o amor e a liberdade. Ao día seguinte, 25 de outubro, Teatro das Aras (Cangas) presentará 'Humanidade', cunha mirada crítica cara á situación da sanidade pública.
Xa en novembro, o día 1 subirá ao escenario a Asociación Cultural Teatral Catro Gatos (Bergondo) con 'Encrobas', unha montaxe de teatro documental que recupera un episodio destacado da loita social galega: a resistencia labrega fronte á expropiación forzosa impulsada polo réxime franquista no val de Encrobas. O día 7, Teatro do Vilar (Ribadavia) ofrecerá a comedia musical 'Memoria dun tempo', centrada nun grupo de actores obrigados a examinarse ante un tribunal franquista para poder continuar co seu labor durante a ditadura.
A mostra pecharase o 8 de novembro con Atrezo Teatro, chegados desde O Porriño, que representarán 'Silencio', unha versión dramatizada inspirada en 'La casa de Bernarda Alba', de Federico García Lorca.