O Centro Comercial Ponte Vella incorpórase á CEO

OurenseXa
Desde a Confederación destacan que se trata de “unha decisión estratéxica, un xesto de confianza e un compromiso compartido co futuro económico e social de Ourense”
cc-pontevella-ceo
27 May 2026

O Centro Comercial Ponte Vella incorporouse como novo asociado á Confederación Empresarial de Ourense (CEO), nun acto de adhesión celebrado nas súas propias instalacións. Con esta incorporación, a organización empresarial reforza a representación do tecido económico da provincia.

O presidente da CEO sinalou durante o acto que esta adhesión representa “unha decisión estratéxica, un xesto de confianza e un compromiso compartido co futuro económico e social de Ourense”, e engadiu a importancia de avanzar cara a unha organización ‘máis forte, cohesionada e representativa do conxunto do tecido empresarial’.

Desde a patronal destacan o papel do centro comercial como motor de emprego, dinamización económica e espazo de referencia para a cidadanía. Neste sentido, subliñouse que a integración do Ponte Vella se aliña coa folla de ruta da entidade en ámbitos como infraestruturas, talento e formación, competitividade e internacionalización, demografía, vivenda, atracción de investimento e o papel do AVE como elemento estratéxico para o desenvolvemento da provincia.

O Centro Comercial Ponte Vella celebra este ano o seu 25 aniversario en Ourense, consolidado como unha infraestrutura comercial plenamente integrada na vida económica e social da cidade. A súa incorporación á CEO amplía a capacidade de representación da organización en sectores clave como o comercio e os servizos.

Pola súa parte, o presidente do recinto comercial destacou a importancia de formar parte da Confederación, subliñando o valor da unión empresarial no contexto actual.

A CEO agradeceu a confianza do centro comercial e do seu presidente, Jorge Bermello, e sinalou o papel do asociacionismo como ferramenta para afrontar os retos económicos e defender intereses comúns. A organización integra xa preto de 70 asociacións sectoriais e comarcais.

0.11376786231995