O CET Barbadás pechou o 2024 con máis de 200 participantes
A Concellería de Promoción Económica, Turismo e Formación do Concello de Barbadás culminou o ano 2024 cumprindo amplamente o obxectivo de fomentar a inserción laboral no marco socioeconómico actual. Ao longo do ano, a área de Formación do CET Barbadás organizou 14 accións formativas que beneficiaron a 222 participantes, combinando teoría e práctica para mellorar as competencias profesionais.
As actividades formativas enfocáronse principalmente en persoas desempregadas, maiores, mulleres e colectivos en risco de exclusión social. Cunha participación do 53,6% de mulleres, destacouse a súa inserción en sectores tradicionalmente masculinizados. Ademais, apostouse por reducir a fenda dixital na poboación rural mediante programas de aprendizaxe en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios.
Entre os cursos e obradoiros realizados ao longo do 2024, destacan:
- Obradoiro ExpertClick e Obradoiro de Apps para maiores de 55 anos: Programas dirixidos a mellorar a independencia dixital, ensinando desde a banca en liña ata o uso de aplicacións móbiles.
- Curso de manipulación de alimentos: Tres edicións para cubrir a alta demanda nos sectores de hostalería e alimentación.
- Cursos profesionalizantes: Como operador/a de carretilla elevadora e plataforma elevadora, con múltiples edicións pola gran demanda.
- Cursos de coidados básicos a persoas dependentes e cursos de cociña creativa, apostando pola formación práctica e innovadora.
Alta demanda e continuidade en 2025
As actividades formativas tiveron unha excelente acollida, con listas de espera en varios cursos. Por este motivo, desde a Concellería de Promoción Económica, Turismo e Formación de Barbadás anuncian que en 2025 continuarán coa mesma liña de traballo, afondando na dixitalización e na especialización profesional.
O Centro de Emprego e Tecnoloxía (CET) Barbadás consolidouse como un referente na formación orientada ao emprego, destacando pola súa capacidade de adaptación ás necesidades do mercado laboral e pola inclusión de colectivos vulnerables.