O CGIFP Eduardo Barreiros consolida o seu liderado estatal cunha visita de autoridades educativas de toda a península

O Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros recibiu a visita de autoridades educativas de distintas comunidades autónomas no marco do congreso FP Innova 2026, consolidándose como un referente estatal no ámbito da innovación na Formación Profesional.
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, acompañou aos representantes de territorios como Cantabria, Castela-A Mancha ou Canarias durante un percorrido polas instalacións do centro. A responsable destacou que “o interese das diferentes comunidades reafirma ao Eduardo Barreiros como centro referente en España en innovación na FP e dá mostra do seu liderado como eixo estratéxico neste eido en Galicia”. Ademais, subliñou que “o excelente traballo, que estamos orgullosos de amosar a outros compañeiros, contribúe de xeito decisivo a posicionar a FP galega na vangarda da innovación a nivel estatal e europeo”.
Durante a visita, os asistentes coñeceron de primeira man un espazo que combina investigación aplicada, desenvolvemento tecnolóxico e emprendemento industrial. O programa incluíu a presentación de proxectos vinculados a tecnoloxías emerxentes como a intelixencia artificial, a realidade virtual e a realidade aumentada.
Entre as iniciativas destacadas, os participantes puideron interactuar con OPI Orienta, un asistente de orientación profesional baseado en itinerarios personalizados, e achegarse a propostas como Enogastronomía 5.0, centrada na valorización das denominacións de orixe galegas mediante experiencias inmersivas.
A xornada incluíu tamén a demostración de Vetinen (Vocational Training Innovative English), un programa que integra intelixencia artificial e realidade virtual para mellorar a competencia en inglés técnico en contornas profesionais simuladas. Esta ferramenta permite recrear escenarios de distintos sectores produtivos, ofrecendo unha formación práctica e adaptada ás necesidades do mercado laboral.
Ao longo da visita, as delegacións tiveron ocasión de probar estas solucións innovadoras e intercambiar coñecemento co equipo técnico do centro ourensán.