O CGIFP Eduardo Barreiros inaugura o novo Laboratorio Avanzado de Ciberseguridade da Formación Profesional

OurenseXa
O novo laboratorio funcionará como espazo de formación, experimentación e simulación de contornas reais, permitindo prácticas como a análise de ciberataques, a defensa en entornos virtuais ou a análise forense industrial
ciberlabfp
1 May 2026

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presentou este xoves en Ourense as novas instalacións de CiberLabFP, o Laboratorio Avanzado de Ciberseguridade da Formación Profesional situado no Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros. No acto participou tamén o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey, e a directora xeral de FP, Eugenia Pérez.

Durante a presentación, o conselleiro definiu esta infraestrutura como “unha infraestrutura estratéxica orientada á formación avanzada e á innovación aplicada nun eido fundamental no contexto tecnolóxico actual”. Segundo explicou, o novo laboratorio permitirá reforzar a preparación do alumnado e do profesorado nun ámbito cada vez máis demandado como é a ciberseguridade.

Rodríguez destacou tamén a importancia de adaptar a formación ás necesidades reais das empresas e subliñou que este espazo contribuirá a formar profesionais con mellores competencias e máis oportunidades laborais, ao tempo que axudará a reforzar a seguridade dixital no tecido produtivo.

Neste sentido, lembrou o papel da ciberseguridade dentro do Plan Innova FP Galicia 26-30, dotado con 30 millóns de euros, que inclúe accións formativas específicas, a extensión desta especialización por distintos puntos de Galicia e a posta en marcha do “Desafío CiberLabFP”, unha competición baseada en retos técnicos reais para o alumnado.

O novo laboratorio funcionará como espazo de formación, experimentación e simulación de contornas reais, permitindo prácticas como a análise de ciberataques, a defensa en entornos virtuais ou a análise forense industrial. Tamén contará cunha unidade móbil que permitirá achegar estas tecnoloxías a centros educativos e eventos.

A iniciativa enmárcase no convenio entre a Consellería de Educación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia dentro do programa RETECH, e contou coa colaboración de profesorado de FP e expertos de entidades tecnolóxicas e de seguridade.

0.11907005310059