O CHUO habilita unha sala de descanso para os familiares de pacientes ingresados críticos

OurenseXa
O novo espazo está destinado como lugar de descanso para os coidadores principais dos pacientes ingresados nas unidades de críticos que residan lonxe da cidade de Ourense
CHUO_sala_espera
Sala de descanso para os familiares de pacientes ingresados nas unidades de críticos do CHUO
26 Feb 2024
Os servizo de Medicina Intensiva e a Unidade de reanimación do Hospital Universitario de Ourense dan un paso máis no proceso de humanización e mellora das súas instalacións xa que dispoñen dun novo espazo para permitir o descanso dos coidadores principais dos pacientes ingresados nestas unidades de críticos que teñan o seu domicilio afastado da cidade de Ourense.
A creación desta nova área foi posible grazas a realización dunha ambiciosa obra de rehabilitación e adaptación estrutural de espazos no vestíbulo principal do cuarto andar do edificio Cristal que se atopa a medio camiño entre as dúas unidades de críticos o que facilita o acceso dos usuarios.
A distribución de espazos da nova área permite dispor dunha sala de estar con luz directa ao exterior, decorada en cores cálidos que conta con sofás para o descanso, mesa, lámpadas, e unha zona de servizo acondicionada con neveira, microondas e mesado para utilizar polos usuarios da unidade. Ademais conta cunha zona de aseos, adaptados tamén para persoas con mobilidade reducida, zona de ducha e vestíbulo con cinco taquillas para gardar as pertenzas dos familiares que acompañen aos pacientes.

CHUO_sala_espera_2CHUO_sala_espera_2

Un ingreso hospitalario ten un impacto directo na vida dos pacientes, pero tamén un impacto relevante na vida das familias. A figura do coidador principal convértese en fundamental nas unidades de enfermos críticos xa que a súa presenza resulta tranquilizadora e beneficiosa para o familiar ingresado e, se o estado do paciente o permite, poden permanecer varias horas durante o día ao seu lado. Resulta por tanto necesaria a habilitación de espazos amables e contornas humanizadas para o descanso físico e mental destes coidadores que nalgunhas ocasión pode supoñer unha experiencia difícil e angustiosa.
Esta iniciativa de adaptación de novos espazos de humanización súmase ás xa incorporadas na estratexia corporativa na relación cos pacientes e de mellora continua das instalacións nos hospitais da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Antes da súa posta en funcionamento, persoal sanitario das unidades de medicina intensiva e Reanimación visitaron as instalacións xunto aos representantes do Consello Asesor de Pacientes (Aodemper, Renacer, Afaor e Auria) e así poder valorar de primeira man as melloras acadadas.
0.97027707099915