O CHUO inaugura a mostra “A frase que me libera”, creada no centro penitenciario de Pereiro de Aguiar

OurenseXa
A exposición permanecerá aberta durante as próximas semanas no vestíbulo principal do Edificio Cristal do Hospital Universitario de Ourense
nova-expo-chuo-cristal
5 Jun 2026

O vestíbulo principal do Edificio Cristal do Hospital Universitario de Ourense acolle desde este martes a exposición “A frase que me libera. Un camiño de expresión, identidade e liberdade a través da palabra e da arte”, unha mostra colectiva realizada por persoas privadas de liberdade do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar dentro dun proxecto educativo da EPAPU (Educación Permanente de Adultos).

A iniciativa está organizada polo Servizo de Atención ao Paciente e Humanización e o Servizo de Psiquiatría da área sanitaria de Ourense, e reúne obras elaboradas a partir dun mesmo punto de partida creativo: cada participante parte dunha frase propia, vinculada á súa experiencia vital, emocións ou aspiracións persoais. Posteriormente, esas ideas transfórmanse en pezas artísticas mediante a técnica do marmoleado, na que as pinturas se expanden sobre a auga xerando composicións únicas.

A exposición propón un percorrido por distintas emocións como o medo, a tristeza, a ira, a alegría ou a esperanza, entendidas como estados cambiantes. A través deste proceso, os autores atopan un espazo de expresión que lles permite explorar a súa identidade e compartir o seu mundo interior mediante a creación artística.

Durante a inauguración, a directora da EPAPU de Ourense, Ana de la Torre, destacou que “este proxecto nace coa vontade de ofrecer á palabra e á creación artística un papel protagonista nos procesos de crecemento persoal. Cada obra representa unha oportunidade para expresarse, reflexionar e descubrir novas formas de relación con un mesmo e co contorno”.

A responsable educativa engadiu ademais que “‘A frase que me libera’ amosa que a educación e a cultura poden abrir espazos de liberdade simbólica mesmo en contextos marcados pola privación de liberdade. As obras que aquí se presentan falan de emocións, de dignidade e da capacidade das persoas para construír novos significados a través da creación”.

O proxecto enmárcase nunha iniciativa educativa que emprega a arte como ferramenta de expresión emocional, reflexión persoal e conexión coa sociedade, achegando ao público unha realidade habitualmente pouco visible.

A exposición permanecerá aberta durante as próximas semanas no vestíbulo principal do Edificio Cristal do Hospital Universitario de Ourense.

0.10969090461731