O CHUO incorpora novas tecnoloxías no servizo de Otorrinolaringoloxía

OurenseXa
Permitirán tratamentos máis precisos e menos invasivos, transformando tanto o diagnóstico como a abordaxe destas doenzas
servizo-otorrinolaringoloxia-chuo
16 Apr 2026

O Hospital Universitario de Ourense reforza a atención ás patoloxías da voz coa incorporación de novas tecnoloxías que permiten tratamentos máis precisos e menos invasivos. Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Voz, o servizo de Otorrinolaringoloxía puxo en valor os avances que están a transformar tanto o diagnóstico como a abordaxe destas doenzas.

A xefa do servizo, Celia Lendoiro, destacou a relevancia da voz na vida cotiá ao lembrar que “a voz é unha ferramenta esencial tanto na comunicación persoal como profesional, e a súa alteración pode ter un impacto moi relevante na vida diaria das persoas”. Neste sentido, incidiu na necesidade de atender sinais como a ronqueira persistente, a fatiga vocal ou os cambios na calidade da voz, que poden agochar patoloxías que precisan valoración médica.

Un dos piares deste avance é a Unidade da Voz, integrada no propio servizo, que permite unha atención máis específica e coordinada. Segundo explicou Lendoiro, “contar cunha unidade especializada permítenos ofrecer unha atención máis completa e coordinada, adaptada ás necesidades de cada paciente, desde o diagnóstico ata o tratamento e seguimento”.

A evolución tecnolóxica é outro dos factores clave nesta mellora asistencial. “A tecnoloxía está a avanzar de maneira moi significativa no ámbito da voz, o que se traduce en técnicas máis precisas, menos agresivas e con mellores resultados. Isto supón un cambio importante na forma de tratar moitas destas patoloxías”, sinalou a especialista.

Entre esas innovacións destaca a incorporación dun láser azul, unha ferramenta que permite tratar determinadas lesións das cordas vocais sen necesidade de cirurxía en moitos casos. O doutor Rafael Hurtado explicou que “o láser azul supón un salto cualitativo, xa que nos permite actuar sobre certas patoloxías de maneira máis selectiva e controlada, reducindo o impacto sobre os tecidos sans”, e engadiu que “en moitas situacións, o que antes requiría unha intervención cirúrxica con anestesia xeral pode resolverse agora en consulta, de forma ambulatoria”.

Esta tecnoloxía tamén repercute na recuperación dos pacientes. “Ao ser procedementos menos invasivos, redúcense os tempos de recuperación e as posibles complicacións, o que mellora de maneira notable a experiencia do paciente”, apuntou Hurtado, quen subliñou ademais a importancia de adaptar cada tratamento: “cada voz é única e cada patoloxía require unha valoración individualizada. As novas ferramentas permítennos axustar moito máis os tratamentos ás características de cada caso”.

Desde o servizo de Otorrinolaringoloxía aproveitaron tamén a xornada para facer un chamamento á prevención e ao coidado da saúde vocal, especialmente entre profesionais que empregan a voz de forma intensiva, como docentes, cantantes ou comunicadores.

0.098607063293457