O CHUO participa nun proxecto europeo para mellorar a atención neurocirúrxica das persoas maiores

GaliciaXa | OurenseXa
O proxecto GENEUS reúne centros de España, Francia e Portugal para desenvolver un modelo asistencial común
proxecto-geneus-chuo
25 May 2026

O Hospital Universitario de Ourense forma parte do proxecto europeo GENEUS (Geriatric Neurosurgery: Advancing neurosurgical care of older person in south-west Europe), unha iniciativa financiada polo programa Interreg Sudoe que busca mellorar a atención neurocirúrxica das persoas maiores no suroeste de Europa.

O proxecto reúne hospitais e centros de investigación de España, Francia e Portugal co obxectivo de desenvolver un modelo integrado de atención neurocirúrxica xeriátrica adaptado ao envellecemento da poboación e á maior complexidade clínica destes pacientes.

Ademais de Galicia, participan centros de Navarra, Valencia, Área Metropolitana de Lisboa, Limousin, Midi-Pyrénées, Nouvelle-Aquitaine e Occitanie. Entre os organismos implicados destaca o Centro Hospitalario Universitario de Toulouse, referencia europea en investigación sobre envellecemento a través do seu Gerontopole, no que traballa o coordinador principal do proxecto, o doutor Eric Schmidt, neurocirurxián especializado en xeriatría e impulsor do grupo de traballo de Neurocirurxía Xeriátrica da Asociación Europea de Neurocirurxía (EANS).

O grupo galego está coordinado pola xefa do Servizo de Neurocirurxía do Hospital Universitario de Ourense, Ana Pastor Zapata, e integrado por profesionais de Neurocirurxía, Medicina Interna e Anestesia e Reanimación. O equipo está codirixido pola investigadora e neurocirurxiá Magda Elizabeth Garzón Tarazona, da Fundación Pública de Investigación Biomédica Galicia Sur.

A iniciativa xurdiu dun encontro científico internacional celebrado en Barcelona en 2023, no que especialistas europeos puxeron de manifesto a necesidade de adaptar os protocolos asistenciais ao envellecemento da poboación.

“Comentabamos que xa non abondaba con aplicar aos pacientes maiores os mesmos protocolos deseñados para persoas máis novas, e que era necesario empezar a escribir capítulos específicos sobre como tratar e seguir aos pacientes neurocirúrxicos maiores de 65 anos”, explica a doutora Magda Garzón.

A especialista sinala que a realidade asistencial de Ourense reforzou esta necesidade desde o primeiro momento. “Acababa de empezar a traballar aquí en Ourense e vía unha poboación moi envellecida, vulnerable e que require coidados moito máis individualizados”, apunta.

Os datos do Servizo de Neurocirurxía do Hospital Universitario de Ourense evidencian o impacto do envellecemento na actividade asistencial. En 2025 rexistráronse 664 ingresos, dos cales 345 correspondían a pacientes maiores de 65 anos, o que supón o 52% do total.

O perfil por idades amosa unha tendencia claramente envellecida: os menores de 20 anos representan menos do 1% dos ingresos, mentres que os menores de 40 non chegan ao 7%. Pola súa banda, os maiores de 80 anos sumaron 87 ingresos, máis do 13% do total, cun peso destacado do grupo entre 81 e 90 anos.

Segundo a xefa do Servizo de Neurocirurxía, Ana Pastor, estes datos sitúan a Ourense como un espello do futuro demográfico europeo e como un escenario de aprendizaxe asistencial. “queremos mellorar o itinerario asistencial do paciente con máis de 65 anos, durante o ingreso e a alta”, sinala, “ver se temos problemas comúns nos tres países e como podemos entre todos mellorar”.

Para Magda Garzón, estes resultados explican o interese do proxecto e o valor da experiencia clínica ourensá. “O perfil de pacientes que xa temos aquí é probablemente o que terá boa parte de Europa nas próximas décadas. Da nosa experiencia e da participación neste proxecto europeo poderán extraerse conclusións moi útiles para adaptar os sistemas sanitarios ao envellecemento da poboación”, destaca.

A investigadora engade que o reto vai máis alá do tratamento clínico e afecta á organización hospitalaria. “Estamos tratando pacientes máis fráxiles, con máis enfermidades asociadas e con necesidades completamente diferentes. Non abonda con operar mellor; hai que adaptar os circuítos asistenciais, a coordinación entre servizos e mesmo a planificación futura dos recursos humanos”, advirte.

O proxecto, cun financiamento próximo aos dous millóns de euros, estrutúrase en tres fases. Na primeira, xa en marcha, analízase o perfil clínico e funcional dos pacientes maiores atendidos nos centros participantes.

En Ourense xa se iniciou a inclusión de pacientes, co primeiro participante incorporado dentro dos 20 previstos para esta fase inicial, nun estudo que se desenvolverá ao longo de tres anos.

Na segunda fase, o Hospital Universitario de Ourense terá un papel destacado no desenvolvemento dunha “caixa de ferramentas” para mellorar os circuítos asistenciais destes pacientes, incluíndo propostas de coordinación multidisciplinar e optimización dos procesos previos e posteriores á cirurxía.

“Conseguimos liderar esta fase porque levamos moito tempo traballando no deseño do proxecto desde o inicio”, explica Garzón. Entre as medidas previstas inclúese a posibilidade de consultas con varios especialistas no mesmo día e unha abordaxe previa á intervención que permita anticipar a recuperación do paciente.

A terceira fase estará centrada na elaboración de recomendacións para a súa implantación nos sistemas sanitarios europeos, cun horizonte de finalización previsto en 2028.

A responsable do proxecto sinala que o envellecemento demográfico obrigará a reorganizar os sistemas sanitarios. “En menos de quince anos máis da metade da poboación terá máis de 60 anos e temos que adaptar a asistencia a esa realidade”, afirma.

Como exemplo, cita o desequilibrio entre especialidades na formación sanitaria: “Na convocatoria MIR 2026 España ofertou 530 prazas de Pediatría fronte a 126 de Xeriatría, cando en todo o país hai municipios enteiros onde non nace ningún neno”, conclúe.

0.11983895301819