O CHUO suma sete incidencias en algo máis de dous anos tras unha nova rotura dunha tubaxe

OurenseXa
A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta reclama unha auditoría técnica independente e un plan extraordinario de mantemento e renovación das instalacións do complexo hospitalario
traballos-materno-infantil-chuo
14 Jul 2026

A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta acusou este luns á Xunta de “esperar a que haxa unha desgraza” para actuar no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), despois de que unha nova rotura dunha tubaxe de auga quente provocase filtracións e o derrubamento de varias placas do falso teito fronte á Unidade de Coidados Intensivos Pediátricos.

Segundo explicou, “non é o primeiro nin o segundo episodio. Son xa sete derrubamentos, rebentóns e fugas de auga en pouco máis de dous anos. A Xunta coñece perfectamente o estado das instalacións porque levamos tempo advertíndoa no Parlamento, pero segue limitándose a reparar cada avaría e agardar pola seguinte”, denunciou.

O último incidente produciuse este domingo na cuarta planta do Edificio Cristal. A rotura dunha tubaxe de auga quente ocasionou unha importante filtración e provocou a caída de varias placas do falso teito no vestíbulo situado diante da UCI Pediátrica.

Rodríguez Dacosta sinalou que nesta ocasión non se rexistraron danos persoais nin se viu afectada directamente a actividade asistencial, aínda que advertiu de que “a seguridade dun hospital non pode depender de que unha placa caia uns metros máis alá ou uns minutos antes de que pase unha persoa”.

Na mesma liña, criticou a resposta da Administración autonómica ante este tipo de incidencias. “Cada vez que ocorre algo, a resposta da Xunta é a mesma: non houbo feridos, a asistencia continuou e a incidencia quedou resolta en poucas horas. Pero iso non explica por que os teitos seguen caendo nin por que as tubaxes continúan rebentando”, afirmou.

A parlamentaria lembrou que a sucesión destes episodios se remonta, cando menos, a decembro de 2023, cando se derrubou un teito nunha zona de traballo do paritorio na que había pacientes. Posteriormente, en agosto de 2024, a rotura dunha tubaxe provocou a caída dun falso teito no edificio de Hospitalización.

Segundo detallou, en marzo de 2025 produciuse outro desprendemento no Materno Infantil e, poucas semanas despois, unha nova rotura dunha tubaxe no Edificio Cristal causou filtracións e outro derrubamento. A estes feitos sumáronse un terceiro desprendemento no Materno Infantil en xullo de 2025, unha fuga de auga que afectou tres plantas do Edificio Cristal en xaneiro de 2026 e o incidente rexistrado este domingo, que eleva a sete o número de incidencias documentadas desde finais de 2023.

“Sete avisos deberían ser máis que suficientes para que a Consellería de Sanidade deixe de falar de feitos illados e asuma que existe un problema grave de conservación e mantemento”, advertiu a deputada.

Rodríguez Dacosta lembrou tamén que o Grupo Socialista presentou en marzo e abril de 2025 diferentes iniciativas parlamentarias para coñecer a situación arquitectónica e de seguridade do CHUO, solicitar os informes técnicos dispoñibles e reclamar medidas urxentes para protexer pacientes, profesionais e persoas acompañantes.

“A Xunta non pode alegar descoñecemento. Foi advertida tras os derrubamentos, as filtracións e os rebentóns das tubaxes. O que falta non son avisos, senón decisións, investimento e responsabilidades”, sostivo.

Ante esta nova incidencia, o PSdeG reclama que a Xunta encargue nun prazo máximo de dous meses unha auditoría técnica independente sobre o estado das infraestruturas do CHUO, con especial atención ás instalacións hidráulicas e de climatización, aos falsos teitos, ás cubertas e aos elementos estruturais.

Os socialistas solicitan ademais que os resultados desa auditoría sexan remitidos ao Parlamento e se fagan públicos, detallando as deficiencias detectadas, o nivel de risco existente e as actuacións correctoras que deben executarse. A proposta inclúe tamén a posta en marcha dun plan extraordinario de mantemento e renovación das infraestruturas do complexo hospitalario, dotado con financiamento suficiente, un calendario de execución e prioridades de actuación definidas.

0.12939500808716