O ciclo cultural ‘Noites Bárbaras’ porá fin este venres coa actuación da compañía belga OkiDok

O ciclo cultural Noites Bárbaras chega ao seu remate este venres en Barbadás cunha última actuación a cargo da compañía belga OkiDok, tras rexistrar unha destacada resposta do público ao longo de toda a programación.
Impulsado polo Concello, o ciclo desenvolveuse durante os meses de marzo e abril cunha acollida que superou as expectativas iniciais. “Os catro espectáculos programados colgaron o cartel de invitacións esgotadas días antes das funcións, estamos moi satisfeitos da resposta da xente”, salientou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel.
O rexedor destacou tamén o éxito da aposta municipal por recuperar esta proposta cultural no 2026: “Estamos moi contentos da resposta da xente, comprometémonos con recuperar este ciclo e ofrecer propostas diversas e de calidade, e aí está a acollida da poboación”.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, José Manuel Morgade, puxo en valor o esforzo realizado desde o Concello para garantir o acceso á cultura: “Ofrecemos espectáculos de gran calidade de xeito gratuíto, para facelo accesible a todas as persoas, e é algo que nos diferencia de moitos outros concellos”.
O peche do ciclo correrá a cargo de OkiDok, que presentará o espectáculo “Slips Inside”. Sobre o escenario, os personaxes Pierrot e Marcel combinarán acrobacia, mimo, humor e danza nunha proposta recoñecida internacionalmente, con premios como o acadado no Clown Festival de Milán e máis de 500 representacións en distintos países.
A función terá lugar ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Barbadás e, ao remate, as persoas asistentes poderán desfrutar dun espazo de petiscos, poñendo así o broche final a esta edición das Noites Bárbaras.