O ciclo 'Feito no Carballiño' trae unha tripla cita musical esta fin de semana

O Concello do Carballiño anunciou unha nova entrega do seu ciclo musical 'Feito no Carballiño', que esta semana chega cargado de propostas para todos os públicos. A cita repártese en dúas xornadas, venres e sábado, con tres bandas enriba do escenario.
O venres día 14, a Praza da Veracruz será o punto de encontro para gozar en primeiro lugar da banda emerxente The Crowd, que abrirá a velada musical. A continuación collerán o relevo Susi Q's, un grupo xa coñecido polo público local.
Para o sábado día 15, a organización reservou a quenda para Skadelos, cunha proposta pensada para facer bailar ao público asistente.
Dende o Concello destacan a boa acollida que está a ter este ciclo, salientando o nivel e a calidade das bandas que están a pasar polos escenarios da localidade nestas datas.