O Ciclo Mestre Mateo chega a Cartelle a partir deste venres

O Concello de Cartelle participa un ano máis no Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa de cinema itinerante promovida pola Academia Galega do Audiovisual que busca achegar ás vilas galegas unha escolma das producións máis destacadas do audiovisual do país.
A actividade, que conta coa colaboración da Deputación de Ourense, permitirá ao público local acceder a unha programación de longametraxes, documentais e outras obras recoñecidas nos Premios Mestre Mateo, considerados os principais galardóns do sector audiovisual galego.
As proxeccións celebraranse no Auditorio Municipal Padre Manuel Feijóo, sempre ás 19.00 horas, e desenvolveranse entre finais de maio e o mes de xuño.
O calendario de proxeccións arrinca este venres, 22 de maio coa película “Sirat”. A programación continuará o 29 de maio con “O silencio herdado”, mentres que o 5 de xuño será a quenda de “360 curvas”. O 6 de xuño proxectarase “Antes de nós” e o 19 de xuño “Deuses de pedra”. Xa na recta final, o 20 de xuño será a quenda de “San Simón”, o 26 de xuño exhibirase “Ao son da nova regueifa” e, por último, o ciclo pecharase o 27 de xuño coa proxección de “As liñas descontinuas”.
Dende o Concello destacan que este ciclo permite achegar o cinema galego contemporáneo á veciñanza sen necesidade de desprazamentos, contribuíndo á difusión da cultura audiovisual no ámbito local.