O ciclo “Os xoves a biblioteca cóntache…” continúa en Barbadas coa actividade “Contos con xeito”

O Concello de Barbadás mantén a programación cultural infantil da biblioteca municipal cunha nova sesión de narración oral incluída no ciclo “Os xoves a biblioteca cóntache…”.
A actividade levará por título “Contos con xeito” e estará a cargo da narradora Bea Campos. Trátase dunha sesión de contos tradicionais na que se pon en valor a narración oral, a cultura popular e os ditos de sempre, ademais de render homenaxe ás mulleres contadoras de Galicia.
A proposta está dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 7 anos e terá lugar este xoves 14 de maio ás 18.30 horas na Biblioteca de Barbadás. Para participar é necesario realizar inscrición previa a través do correo electrónico biblioteca@barbadas.es, indicando nome, apelidos, idade e un teléfono de contacto.