O CIM de Pereiro de Aguiar superou as 1.100 consultas atendidas en 2024

OurenseXa
O Centro de Información á Muller consolidouse como un dos servizos máis valorados pola veciñanza de Pereiro de Aguiar
cim-pereiro-de-aguiar
Actividade do CIM Pereiro de Aguiar
6 Feb 2025

O Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Pereiro de Aguiar vén de pechar o ano 2024 cun balance altamente positivo, superando por primeira vez o millar de consultas atendidas e diversificando a súa actividade nos centros escolares do municipio.

Por primeira vez na súa historia, o CIM de Pereiro de Aguiar superou as 1.100 consultas ao longo do ano, un incremento significativo que reflicte a crecente demanda deste servizo esencial. No que atinxe ás persoas atendidas, o total foi de 159, 16 máis que no ano anterior. O asesoramento xurídico destacou como o servizo máis solicitado, con 488 consultas, 74 máis que en 2023. A atención a vítimas de violencia de xénero tamén rexistrou un notable incremento, alcanzando as 477 consultas, 61 máis que no ano anterior. Pola súa banda, a atención psicolóxica sumou 133 consultas fronte ás 112 de 2023. Ademais, a información sobre cursos, xornadas e actividades mantívose estable con 2 consultas, a mesma cifra que no ano anterior.

Ampliación de actividades nos centros escolares

Un dos grandes fitos do CIM en 2024 foi a ampliación e diversificación das súas actividades nos centros escolares do municipio, implicando ao CEIP Ben Cho Shey, o Colexio Miraflores e o Colexio Plurilingüe Guillelme Brown. A través de concursos de debuxo, proxectos de educación afectivo-sexual, debates, conferencias, obradoiros e espectáculos teatrais, abordáronse cuestións clave como a igualdade de xénero, a loita contra a violencia machista e a concienciación sobre as adiccións a internet.

O dinamismo e compromiso social do CIM consolidouno como un dos servizos máis valorados do Concello de Pereiro de Aguiar. A súa implicación na promoción da igualdade e na loita contra a violencia de xénero, especialmente desde as idades máis temperás, reforza o seu papel como un piar fundamental para a comunidade. Coas cifras en ascenso e unha aposta decidida pola innovación en educación e sensibilización, o CIM segue avanzando na súa misión de construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.

 

0.25489211082458