O CIM móbil visita Coles para achegar a información sobre igualdade á cidadanía

O Centro de Información ás Mulleres (CIM) realizará unha visita ao Concello de Coles este mércores pola mañá. Trátase dun servizo gratuíto e confidencial ao que a cidadanía pode acudir para resolver dúbidas, recibir asesoramento ou apoio, ademais de participar en accións de sensibilización en materia de igualdade, que estará dispoñible de 9:00 a 13:00 horas na Praza do Concello.
Esta iniciativa forma parte dun programa dotado con 1,6 millóns de euros, que conta con catro centros móbiles de información á muller que se desprazan por municipios rurais e campus universitarios de toda Galicia.
Estes servizos itinerantes están integrados por persoal profesional especializado, entre o que se inclúen psicólogas e traballadoras sociais, co obxectivo de achegar información e recursos á poboación e fomentar a implicación cidadá na prevención e detección da violencia de xénero.