O colectivo de migrantes de Maceda recibe asesoramento ante a problemática na declaración da renda

OurenseXa
O secretario provincial de migracións do PSdeG de Ourense, Luís Gulín, analizou polo miúdo a problemática do importo do 5% á facenda alemá polas pensións percibidas e os trámites para solicitar a axuda á dependencia xermana
Luis Gulín nun encontro co colectivo de retornados de Maceda
23 Maio 2024

A área de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense prosegue co seu percorrido pola provincia para informar ao colectivo de emigrantes retornados acerca das novidades con respecto á declaración da renda e resolver as súas dúbidas. Desta vez os e as socialistas estiveron en Maceda, nunha reunión á que asistiron arredor de 20 persoas, que traballaron en Suíza e Alemaña.

O secretario provincial de migracións, Luís Gulín, aproveitou para explicar ao detalle o tema dos dous pagadores e analizar polo miúdo a problemática do importo do 5 por cento á facenda alemá polas pensións percibidas e os trámites para solicitar a axuda á dependencia xermana. No acto estivo presente a alcaldesa de Maceda, Uxía Ovedo, e compañeiros e compañeiras socialistas do municipio.

Durante o encontro resaltouse, unha vez máis, a obrigatoriedade de darse de alta na Axencia Tributaria alemá no momento de ter dereito a unha prestación de xubilación ou de viuvez no país teutón. “É moi arriscado agardar a que Alemaña se pola en contacto co contribuínte residente en Galicia para abonar os impostos de anos atrasados, dado que o Finanzamt Neubrandenburg pode reclamar ata os últimos 7 anos pendentes sen liquidar”, explicou Luís Gulín.

O secretario provincial de migracións da executiva do PSdeG-PSOE de Ourense tamén informou sobre a subida das pensións alemás para o mes de xullo nun 4,57 % e da implantación dunha paga extra na xubilación suíza a partir do 1 de xaneiro de 2026.

0.18678522109985