O colectivo de persoas xubiladas da CIG convoca mobilizacións en sete cidades galegas

GaliciaXa | LugoXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
Baixo o lema "Somos maiores, tamén queremos vivir dignamente" reclaman un Plan de Choque con medidas fronte á carestía da vida
xubilados-pensionistas-cig-mobilizacion-saf-monforte
30 Oct 2026

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG levará a cabo concentracións nas sete cidades galegas o vindeiro 5 de novembro baixo o lema "Somos maiores, tamén queremos vivir dignamente". As mobilizacións enmárcanse na campaña que está a desenvolver a central sindical para reclamar aos gobernos español e galego a aprobación dun Plan de Choque urxente que permita facer fronte á actual carestía da vida.

As concentracións terán lugar en Vigo, ás 11.30 horas, diante do Mercado do Calvario; na Coruña, ás 11 horas, diante do Gadis do Mercado de Elviña; e en Pontevedra, tamén ás 11 horas, na Praza da Peregrina. En Ferrol, a mobilización desenvolverase ás 11.30 horas diante do edificio da Xunta da Galiza, na Praza Amada García. Á mesma hora están convocadas as concentracións de Santiago de Compostela, na Praza do Toural; Lugo, diante do edificio da Xunta; e Ourense, diante da sede da Xunta na avenida da Habana, coñecida como Casa de Chocolate.

Desde o colectivo denuncian que a suba constante dos prezos está a deteriorar as condicións de vida da poboación e a agravar a situación económica das clases traballadoras. Segundo sinalan, as persoas maiores están especialmente afectadas polo encarecemento da electricidade, dos combustibles e dos produtos de primeira necesidade, así como polos elevados custos da vivenda, a deterioración dos servizos públicos e o retroceso das políticas sociais.

A organización atribúe o incremento dos prezos, ademais de a factores como a seca, ás consecuencias das guerras e da actual escalada militarista internacional. Neste sentido, critica o aumento do gasto militar dos Estados, o papel da OTAN e a posición da Unión Europea e do Goberno español ante esta situación.

O colectivo considera necesario reaccionar e mobilizarse para evitar que, unha vez máis, sexan as clases traballadoras as que soporten os efectos dunha nova crise económica. Por iso, reclama a posta en marcha dun Plan de Choque que se incorpore aos próximos Orzamentos da Xunta de Galiza e do Goberno español e que dea resposta ás necesidades das persoas maiores e do conxunto da sociedade.

Entre as principais demandas figura que a revalorización das pensións para 2027 se realice conforme ao IPC acumulado a final de ano, así como a recuperación do poder adquisitivo perdido coa introdución, en 2021, do cálculo baseado no IPC medio. Tamén reclaman que a pensión mínima se equipare por lei ao Salario Mínimo Interprofesional e que este se fixe en 1.374,74 euros mensuais, con carácter retroactivo desde o 1 de xullo de 2026, para cumprir coa Carta Social Europea, que establece como referencia un mínimo do 60 % do salario medio.

Outra das propostas pasa pola creación urxente dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, integrado nunha única rede pública de centros asistenciais e residenciais para maiores, centros de día, recursos de atención á diversidade e Servizos de Axuda no Fogar, entre outros. A CIG defende que se priorice a atención a través destes recursos públicos fronte ás axudas económicas, que se eliminen os repagamentos nos coidados e que se aprobe unha carteira de servizos con prezos públicos.

No ámbito sanitario, o colectivo pide frear a privatización e o desmantelamento da sanidade pública galega, reforzar a atención primaria, reducir as listas de agarda e garantir unha asistencia universal e de calidade que respecte os dereitos das persoas maiores e do conxunto da poboación.

As reivindicacións inclúen tamén a aprobación por lei de prezos populares para os produtos básicos de alimentación e de prezos xustos para as persoas produtoras, así como medidas contra a especulación nos mercados e as prácticas das empresas enerxéticas e do comercio alimentario.

Por último, a organización reclama garantir o dereito á vivenda e ao subministro enerxético das persoas maiores con ingresos iguais ou inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional que demanda a central sindical.

Con estas mobilizacións nas sete cidades galegas, o colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG pretende visibilizar as dificultades económicas que afectan especialmente ás persoas maiores e reclamar medidas públicas que garantan unhas condicións de vida dignas.

0.16742396354675