O comercio de proximidade da Eurorrexión contará cunha xornada sobre dixitalización de vendas e stock en Expourense

OurenseXa
A sesión, enmarcada en Xantar 2026, amosará ferramentas tecnolóxicas para modernizar a xestión comercial dos negocios locais de Galicia e do norte de Portugal
sesión demostradora DIGITAL_EXPO Ourense
14 Nov 2026

O comercio de proximidade de Galicia e do norte de Portugal terá unha nova cita coa dixitalización. O proxecto transfronteirizo ‘DIGITAL_EXPO’ organiza unha sesión demostradora centrada na transformación tecnolóxica de todo o proceso de venda, desde a xestión comercial até o control do stock.

O encontro, titulado ‘Dixitalización de Comercios: da venda ao stock’, terá lugar o vindeiro venres 20 de novembro en Expourense, coincidindo coa celebración da 27ª edición de Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico. A sesión desenvolverase en horario de mañá, das 10.30 ás 14.00 horas, e a asistencia será gratuíta mediante inscrición previa, ao ser prazas limitadas.

O programa comezará cunha presentación inicial, para pasar despois a abordar as estratexias de dixitalización orientadas aos comercios de proximidade e as solucións tecnolóxicas dispoñibles para xestionar vendas, compras e stock. Tras unha pausa para o café, a xornada continuará cun bloque dedicado á dixitalización de documentos e procesos mediante intelixencia artificial, ao que seguirá a exposición de casos de éxito e boas prácticas no comercio transfronteirizo. A sesión pecharase coa presentación dos recursos do programa Interreg dispoñibles para a transformación dixital do sector e unha quenda de preguntas.

Esta cita súmase ao calendario de accións formativas e encontros que ‘DIGITAL_EXPO’ vén desenvolvendo desde a súa posta en marcha o pasado mes de xuño, co obxectivo de impulsar a transformación dixital e reforzar a competitividade do tecido comercial da Eurorrexión.

O proxecto está liderado pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, coa participación de Expourense, a Universidade de Vigo e as cámaras municipais de Viana do Castelo, Ponte de Lima e Arcos de Valdevez. Conta con cofinanciamento da Unión Europea a través do programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, un orzamento superior ao millón de euros e prolongarase até o 31 de decembro de 2027.

Quen desexe participar na xornada pode formalizar a súa inscrición a través da páxina web do proxecto.

0.16547417640686