O Comité de Memoria Histórica de Celanova pide cesar a José Luis Ferro como membro da Fundación Curros Enríquez

OurenseXa
Dende o comité consideran “infames” as declaracións do concelleiro e membro do padroado dende 2012 sobre os asasinatos na Colonia Penitenciaria de San Simón
Cárcere de Mulleres, Celanova
Cárcere de Mulleres, Celanova
20 Jan 2025

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova demanda a través dun comunicado “que o Padroado da Fundación Curros Enríquez destitúa ao exconcelleiro de Cultura e exalcalde José Luis Ferro Iglesias como membro desa institución, na defensa da dignidade das vítimas do fascismo e o seu dereito á verdade, á xustiza e á reparación”.

Explican que “transcorridos tres días desde a súa infame intervención no Parlamento de Galiza, na que negou asasinatos e prácticas xenocidas na Colonia Penitenciaría de San Simón, onde están documentados máis de 400 mortos durante a guerra e a inmediata ditadura”, o deputado do PP por Ourense “non ten feito o mínimo xesto de rectificación malia a morea de críticas que recibiu desde sectores diversos da sociedade galega, mesmo unha advertencia directa do Concello de Redondela (Pontevedra) de que será levada a pleno unha proposta para declaralo persoa non grata”.

Dende o comité consideran “infames” as declaracións do concelleiro e membro do padroado dende 2012, e afirman que “resultan intolerables, non , non só polos precedentes das súas actuacións como alcalde e como concelleiro en cuestións relacionadas coa memoria histórica de Celanova, tamén pola circunstancia de que na historia de Celanova están inscritos os nomes de presos na Prisión Central, que entre finais dos anos trinta e principios dos corenta do século pasado, foron trasladados a San Simón onde morreron a causa dos padecementos sufridos nos cárceres, tamén na de Celanova, e da súa idade avanzada, porque a orde era levar aos sexaxenarios para San Simón”.

Aseguran que, como exconcelleiro de Cultura, excalcalde de Celanova e parlamentario autonómico, “ten o deber cívico de memoria para coas persoas que foron perseguidas, encarceradas, torturadas e mesmo perderon os seus bens e até a vida en defensa da democracia e a liberdade e o deber moral de respectar ás vítimas”.

De esta forma, o Padroado da Fundación Curros Enríquez repudia as declaracións realizadas por Ferro e esixe ao padroado que cese a súa membresía.

0.14237809181213