O Concello de Allariz abre este luns as prazas do programa Concilia Verán 2026

O Concello de Allariz, a través da Concellería de Benestar Social, abre este luns o prazo de solicitude para participar no programa “Concilia Verán 2026”, unha iniciativa destinada a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral durante o período estival.
O programa ofrece un total de 130 prazas para este verán: 80 para o mes de xullo e 50 para o mes de agosto. Está dirixido a nenos e nenas escolarizados desde 4º de Educación Infantil ata 6º de Educación Primaria, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.
As familias interesadas poderán presentar as súas solicitudes desde este luns 18 de maio ás 00:00 horas ata o 29 de maio ás 23:59 horas. Toda a información e os formularios están dispoñibles na web municipal e na sede electrónica do Concello de Allariz, ademais de poder tramitarse de forma presencial nos Servizos Sociais Comunitarios, no Fogar dos Maiores.
O servizo desenvolverase en quendas quincenais, cun horario xeral de 8:00 a 15:00 horas. O programa inclúe opción de almorzo, con entrada flexible entre as 8:00 e as 9:00 horas, así como servizo de comedor con recollida antes das 15:00 horas.
As actividades terán un carácter educativo e lúdico, fomentando valores como a convivencia, a cooperación, a igualdade e o respecto.
Para poder participar, será necesario que os nenos e nenas, así como polo menos unha das persoas proxenitoras ou titoras, estean empadroados no municipio de Allariz. Ademais, as familias deberán acreditar situación de ocupación laboral ou académica durante os turnos solicitados.