O Concello de Amoeiro celebra o éxito da IV edición da Feira de Antigüidades e Artesanía

O Concello de Amoeiro acolleu con notable éxito a cuarta edición da Feira de Antigüidades e Artesanía, un evento que continúa a gañar relevancia e a consolidarse como punto de encontro para persoas afeccionadas ao coleccionismo e á artesanía.
O pavillón municipal de deportes foi o escenario no que se deu cita unha ampla mostra de obxectos singulares, entre os que se puideron atopar pezas de colección, vaixelas de distintas épocas, botellas antigas e diversos artigos vintage que espertaron o interese do público asistente.
A programación tamén puxo en valor o talento artesanal, cunha destacada participación de creadoras e creadores que presentaron propostas elaboradas de forma manual en ámbitos como a bixutería, os complementos téxtiles, a ilustración ou a marroquinaría, ofrecendo pezas orixinais e de gran coidado artístico.
Un dos momentos máis seguidos da xornada foi a poxa tradicional, que reuniu a numerosas persoas e xerou unha participación activa, converténdose nun dos atractivos principais da feira.
Ademais do seu carácter cultural e expositivo, o evento incorporou unha vertente solidaria mediante a presenza dun posto xestionado pola Cruz Vermella, destinado á recadación de fondos para fins benéficos, engadindo así un compoñente social á iniciativa.