O Concello de Barbadás destina 38.600 euros á mellora do firme nas rúas Alvaredo e Lameiro do Mato
O Concello de Barbadás vén de adxudicar dúas obras moi demandadas pola cidadanía e que contan coa financiación do Plan Provincial de Cooperación de Obras e Servizos da Deputación de Ourense. Os traballos para a mellora do firme foron adxudicados á empresa Extraco, que actuará na Rúa Alvaredo, en Loiro, e na Rúa Lameiro do Mato, na zona do río da Valenzá.
As obras de rexeneración da Rúa Alvaredo en Loiro consisten no fresado do firme existente para aplicar un rego asfáltico de imprimación e a lonxitude do tramo afectado de estrada é de preto de 200 metros.
No caso da Rúa Lameiro do Mato da Valenzá, prevese o fresado do firme nas conexións do tramo afectado co sistema viario existente para a continuación aplicar tamén un rego asfáltico de imprimación. Estas dúas actuacións contan cun orzamento de 38.600 euros e o prazo de execución tamén será de tres meses.
Estas obras sumaranse ás de pavimentación que se levarán a cabo no Camiño do Barro cun orzamento de 123.000 euros para renovar a rede de pluviais e o pavimento e que tamén contemplan a ampliación do ancho da vía nalgúns puntos. Este ambicioso proxecto faise eco das inquedanzas dos residentes e solucionará un problema de anos atrás.
Mediante estes proxectos, o Concello de Barbadás mantén o seu empeño de dotar aos núcleos do municipio do equipamento mínimo en infraestruturas, mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas e a mellora das condicións mediambientais destes lugares.