?> O Concello de Barbadás reformará o paseo do parque da Liberdade en OurenseXa

O Concello de Barbadás reformará o paseo do parque da Liberdade

OurenseXa
As obras suporán unha mellora considerable na accesibilidade, xa que a zona atópase moi deteriorada polo paso do tempo e a acción das raíces das árbores
Parque-da-Liberdade-1300x731
Parque da Liberdade, Barbadás
Redacción Ourensexa
24 abr 2024

O Concello de Barbadás está a levar a cabo actuacións en diferentes parques, tanto da Valenzá como nos diferentes núcleos, para ofrecer aos veciños e veciñas espazos de ocio de calidade. Unha das zonas verdes máis frecuentadas polos nenos e nenas é o parque da Liberdade, emprazado ao carón da avenida de Celanova e cun paseo que conta cun firme deteriorado polas grandes gretas que provocan as raíces das árbores. O Concello conta cun proxecto para levar a cabo a súa reparación.

Máis en concreto, as obras que se pretende realizar son a demolición do formigón existente deteriorado, dos sumidoiros  e a retirada parcial das raíces das árbores, o formigonado do paseo e a colocación de novos sumidoiros e levantado de arquetas a cota do formigón. Esta actuación ten un prazo de execución de dous meses.

Outra das deficiencias que se solucionará con esta actuación é o cambio a formigón ao comezo do paseo, ademais de arranxarse tamén os tramos levantados con lastras rotas. O obxectivo é favorecer a accesibilidade neste parque que elixen tantas familias do concello para desfrutar das tardes de bo tempo.

A tenente de alcalde, Victoria Morenza, asegura que esta obra no Paseo da Liberade suporá unha mellora considerable da accesibilidade, “xa que había moitas barreiras dende a súa inauguración para cadeiras de rodas ou carros de bebé, incluso tramos con desniveis”. Subliña, ademais, que a actuación mellorará a mobilidade para o uso e desfrute desta zona de lecer.