O Concello de Cea presenta a exposición de pirogravados 'Xubilado, non te quedes parado' no Edificio Multiusos

O Edificio Multiusos de Cea albergará, do 1 ao 27 de setembro, a mostra 'Xubilado, non te quedes parado', dedicada á técnica do pirogravado sobre madeira.
As pezas expostas son obra de Arturo Vázquez Crespo, coñecido como "o Xiada", nado en Cea e residente na actualidade en Gandía. Precisamente estas dúas localidades son a principal fonte de inspiración do seu traballo, xa que as súas paisaxes e recunchos serven de modelo para as composicións que o artista realiza a través do lume sobre a madeira.
O autor comezou nesta disciplina artística tras a súa xubilación laboral, atopando no pirogravado unha maneira de seguir activo e creativo, tal e como amosa o propio título da mostra.
Ao longo de todo o mes de setembro, o público poderá achegarse ao Edificio Multiusos de Cea para coñecer esta colección que combina técnica, paciencia e memoria dos lugares que marcaron a vida do artista.