O Concello de Coles abre o prazo de inscrición para a Ludoteca de Verán

OurenseXa
O programa está destinado a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e contará con propostas adaptadas ás diferentes idades
nenos-xogando
24 May 2026

O Concello de Coles vén de poñer en marcha unha nova edición da Ludoteca de Verán, unha iniciativa dirixida á infancia que busca ofrecer alternativas de lecer durante as vacacións escolares, combinando xogos, actividades e convivencia nun entorno seguro.

O programa está destinado a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e contará con propostas adaptadas ás diferentes idades. Ademais, ofrecerá a posibilidade de ampliación horaria co obxectivo de facilitar a conciliación das familias.

A actividade desenvolverase entre o 22 de xuño e o 31 de xullo, cun horario de 9:00 a 13:30 horas. O prazo de inscrición permanece aberto ata o 12 de xuño na Casa do Concello.

En canto ás taxas, establécese un prezo de 50 euros para persoas empadroadas e de 100 euros para non empadroadas. Como novidade, o servizo continuará tamén durante os meses de agosto e setembro en formato de quincenas, cun custo de 30 euros por quincena para empadroados e de 60 euros para non empadroados.

A iniciativa enmárcase nas políticas municipais de apoio á conciliación familiar e á oferta de actividades educativas e de lecer para a infancia durante o período estival.

0.13724184036255