O Concello de O Carballiño impulsa unha nova edición de descontos para tratamentos termais

O Concello de O Carballiño impulsa, a través da Concellería de Termalismo, unha nova convocatoria do seu programa municipal de saúde termal, destinada a facilitar o acceso da poboación ás instalacións do Gran Balneario. A concelleira da área, Elvira Torres, explicou que o obxectivo é achegar á veciñanza os beneficios que a auga termal aporta tanto a nivel físico como psicolóxico.
O programa contempla tres circuítos, todos eles cunha subvención municipal do 50 % sobre o seu prezo habitual. O primeiro, dun só día, combina baño de hidromasaxe con inhalación ou parafango e ten un custo para o usuario de 12 euros, cantidade que se completa con outros 12 euros achegados polo Concello. O segundo circuíto, de dúas xornadas, inclúe hidromasaxe, parafango, ducha circular e inhalación, cun prezo reducido de 22 euros fronte aos 44 habituais. O terceiro, de tres días, suma aos tratamentos anteriores un baño estático con sales e masaxe parcial ou descarga de pés, quedando o seu custo en 34,50 euros grazas á achega equivalente do Concello.
As solicitudes para participar poderán presentarse desde o venres 4 ata o 24 de setembro, tanto de forma telemática a través da sede electrónica municipal como de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello. Os requisitos para inscribirse son ter máis de 18 anos e figurar empadroado en O Carballiño cunha antigüidade mínima de doce meses. Unha vez pechado o prazo, as persoas admitidas recibirán un correo electrónico confirmando a súa participación.
O Concello advirte de que a admisión no programa non garante automaticamente unha praza, xa que o desconto se aplicará ata esgotar o crédito dispoñible. Quen resulte beneficiario ou beneficiaria poderá desfrutar da bonificación do 50 % ata o 5 de decembro de 2026 ou ata que se esgote a partida orzamentaria destinada a esta iniciativa.