O Concello de Ourense abordará o aumento da inseguridade nos barrios da cidade

OurenseXa
A moción aprobada no Pleno deste venres inclúe abordar de maneira específica esta problemática dentro da orde do día da vindeira Xunta Local de Seguridade
Ourense-casco-hitorico-recurso
Ourense
7 sep 2024

"Cos datos sobre seguridade na man, e en comparación con outras cidades do Estado, non se pode dicir que Ourense sexa unha urbe insegura. Por iso non é axeitado alarmar á sociedade con determinadas mensaxes. E con todo, entendemos que é necesaria unha maior vixianza e coordinación dos corpos profesionais competentes e que se mellore a iluminación ou o desbroce dos barrios da cidade ante o aumento de incidencias dos últimos meses”, comezou explicando a voceira do grupo municipal socialista, Natalia González, durante a defensa no pleno ordinario da moción do PSdeG en referencia a esta materia.

As e os socialistas conseguiron que se aprobase –cos votos a favor de PP e BNG e a abstención de DO– o texto que, entre os puntos de acordo, ademais do desbroce e a iluminación inclúe a petición de que se aborde de maneira específica esta problemática dentro da orde do día da vindeira Xunta Local de Seguridade. Así como promover, por parte das administracións competentes, todas as accións oportunas para implementar a coordinación, vixianza e actuacións en materia de seguridade nos barrios de A Ponte, O Pino e o Vinteún, en particular, e naqueles lugares onde sexa preciso ante o repunte de incidencias dos últimos meses, en xeral.

Xardín do Posío e Peliquín

Por outra banda, a edil do PSdeG María Fernández lamentou no debate das modificacións de crédito o caos do executivo de Gonzalo Pérez Jácome que, no segundo ano do seu segundo mandato, continúa coas “concesións en precario e os servizos públicos funcionando mal”, así como “sen ter orzamentos aprobados”. “É difícil explicar a provedores e empresas por que non están a cobrar os seus traballos se o Concello de Ourense ten débeda cero”, recriminou na súa quenda de palabra sobre o mantra que o alcalde e o seu equipo reiteran acotío.

“Esta partida de crédito é extraordinariamente relevante. Son 3,7 millóns de € para investimentos imprescindibles na cidade. Dende o ano 1987 a veciñanza vén reclamando que se acondicione o Xardín do Posío. E no que respecta á locomotora de A Ponte, agardamos que se restaure á maior brevidade. Pero temos que dicir que se se investise o suficiente en mantemento e conservación dos espazos verdes e públicos quizais agora non teriamos que estar aprobando terapias de choque urxentes”, advertiu sobre a modificación orzamentaria para levar a cabo ditas obras.

Sobre o paso a nivel de Peliquín, e a protesta da veciñanza que se organizou diante da Casa Consistorial durante o pleno, a portavoz dos e das socialistas, Natalia González, afirmou que o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, porase en contacto cos representantes da asociación de veciños para que os responsables do proxecto manteñan un encontro no que expliquen a obra e se contemple a posibilidade de incorporar melloras. Todo elo logo de achegarse a falar coas persoas do barrio que hoxe se congregaron na Praza Maior e co propio subdelegado do Executivo estatal.

0.13923001289368