O Concello de Ourense acumula unha débeda de 10.858.086 euros polos incumprimentos no pagamento a provedores

OurenseXa
O BNG vén de denunciar esta situación e acusa ao PP de ser cómplices da “caótica situación económica” do Concello
Concello-Ourense-recurso
9 May 2025

Este venres coñecíase que o pasado martes, o Ministerio de Facenda publicaba a listaxe das entidades Locais incluídas no Procedemento obrigatorio de pagamento a provedores para o presente exercicio 2025. Na mesma atópase o Concello de Ourense cunha débeda de 10.858.086,28 euros motivada polos incumprimentos reiterados da obriga de abonar as facturas nun máximo de 30 días tal e como estabelece a lexislación e que o actual Goberno Jácome “incumpre sistematicamente e de xeito moi folgado pois o último dato coñecido correspondente ao mes de marzo fala de 117 días de media”, segundo denuncian os nacionalistas.

A nova non colleu por sorpresa ao Grupo municipal do BNG xa que, como lembra o seu Portavoz Luís Seara, “levamos meses por non dicir anos, advertindo de que a situación do Concello de Ourense é cada vez máis crítica e caótica e que íamos dereitos a ter que aprobar un Plan de axuste, coas consecuencias que iso vai ter e o tempo, por desgraza estanos a dar a razón”.

Seara é contundente, “logo de seis anos con Jácome á fronte da alcaldía e lonxe das continuas promesas de axilización da administración, o que temos cada día que pasa é un Concello máis enfurruxado, caótico, oscurantista e moroso, situación que como temos dito moitas veces está situando ao Concello ao bordo do colapso”.

Mais o acollemento obrigatorio ao Plan de pagamento a provedores do Ministerio de Facenda terá tamén consecuencias para eles xa que tal e como advirte Luís Seara “ademais dos prexuízos de estar meses sen cobrar, agora se o queren facer, teñen que renunciar aos seus lexítimos xuros de mora e ao resto de compensacións solicitadas se o que queren é cobrar”.

Explicacións do PP

O Portavoz do BNG tampouco pasou por alto o papel que está a xogar o PP nesta situación. Seara é contundente, “son cómplices da situación caótica na que nos atopamos pois puxeron a Jácome na alcaldía, mantéñeno e volverán facelo Alcalde cantas veces sexa preciso” e engade, “hai pouco xustificaban o seu apoio á conta 413 argumentando que grazas a eles os provedores, ás PEMES e os autónomos desta cidade ían cobrar as facturas pendentes co Concello e agora vemos como non soamente non se lles pagou senón que ten que vir o Ministerio de Facenda a poñer orde. Xa non enganan a ninguén, son os lacaios de Jácome”.

⚙ Configurar cookies
0.15906882286072