O Concello de Ourense aproba o expediente para contratar o servizo de axuda no fogar
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou este mércores o expediente para contratar o servizo de axuda no fogar, ao que destina un orzamento total de 12.416.542,83 euros (IVE engadido) para un período de 2 anos.
No mesmo acordo, aproba as cláusulas administrativas e técnicas da licitación, e dispón a apertura do procedemento de adxudicación do contrato, mediante procedemento aberto, suxeito a regulación harmonizada, e tramitación ordinaria.
Na sesión de hoxe, ordinaria desta semana, a Xunta de Goberno Llocal acordou tamén prorrogar, por 1 ano, o contrato do servizo de mantemento e soporte técnico da plataforma de licitación electrónica do Concello.
Tamén se aprobou autorizar o inicio do procedemento de modificación do contrato de obras do proxecto de humanización e mobilidade vertical no contorno da praza das Mercedes e a rúa Arturo Pérez Serantes.
Previamente, tivo lugar unha xunta de goberno local extraordinaria na que se aprobou o proxecto de modificación orzamentaria 5P/2024, utilizando a figura dos suplementos de crédito, por un importe de 4.747.784,47 euros, procedentes do remanente de tesouraría para gastos xerais.
Este acordo elevarase ao Pleno do Concello para que proceda, no seu caso, á aprobación provisional da modificación proposta.